Opinión

Balóns fóra!

Non serei quen avogue por prescindir de alianzas con outros para lograr obxectivos. Son consciente da importancia de relacionarse cos máis próximos, non só por tirar o mellor partido da boa veciñanza, senón tamén porque a historia e a xeo-estratexia así o aconsellan. Naturalmente, a pertenza a foros ou plataformas políticas con esta composición, para seren beneficiosas e teren algunha incidencia práctica para quen nela participa, esixe: a) térense claros os obxectivos que se perseguen coa participación; b) estar identificado cos problemas da sociedade que se representa e defender en todos os ámbitos a súa solución, conforme aos intereses dela; c) reivindicar a capacidade política, a competencia, para poderse responsabilizar de si mesma. Non esquezamos tampouco que hai tamén un espazo internacional, unha xeo-estratexia mundial. Debemos aspirar a estar presentes, pintar algo, como pobo con aspiración a existir politicamente, sexa cal for a postura do Estado español a este respecto, como sabemos, hostil.

O anterior vén a conto para podermos xulgar a iniciativa da Xunta, co seu presidente á fronte, nisto tamén seguidor do seu precursor, da convocatoria e/ou asistencia aos denominados foros reivindicativos de distintas comunidades autónomas. Agora vén de participar no foro do Cantábrico, convocado polo lehendakari vasco en Gasteiz, no que tamén estiveron Asturias e Cantabria. Tratábase de premer o Goberno francés a iniciar as obras da conexión por AVE, sempre adiadas, por esa parte da fronteira, e o español a apoiar a demanda, dentro do deseño ferroviario europeo. O lehendakari e o seu Goberno buscaron apoios políticos para un obxectivo que consideran vital para Euskadi, aproveitando o presidente de Cantabria para demandar unha conexión ferroviaria adecuada entre Santander e Bilbo, como parte do paquete. Seguramente estes foros fiquen en cabriolas propagandísticas. O grave, no caso da Xunta e o seu presidente, está en que, aparentando seren críticos co Goberno de Madrid, só tocan o pandeiro dentro dos deseños deste para Galiza, e sen que nunca signifique reclamación da asunción de competencias, porque, para eles, o marco do Estatuto de Galiza (o único que non foi modificado en máis de corenta anos!) abonda. O resultado é que Galiza, inzada de problemas, parece non ter nada político propio que reivindicar por si mesma; sempre debe estar acompañada doutros e en relación con proxectos para ámbitos que a exceden, mesmo desconsiderando xustamente as eivas dos mesmos para o país. Perante a información de os novos trens en proxecto para Feve non entraren, debido ao seu ancho, polos túneles de Asturias e Cantabria, só, pasados máis de quince días, o presidente Rueda preguntou como afectaba Galiza. Nin se decatara de que, tanto nos afectaba, que nin nos nomeaban, porque non se pensa mellorar para nada o servizo aquí. O grave é que o traxecto Ferrol-Ribadeo non é que non exista para o Goberno español e a empresa pública ferroviaria, é que non existe tampouco para a Xunta. Aquí virá o material desbotado en Asturias, a infraestrutura seguirá en estado de abandono e os servizos, en retroceso. Nin falar de pedir a competencia! Mellor dedicarse aos foros en clave rexional española e ao servizo do partido que debe gobernar España. Balóns fóra!!! Propaganda e comparsa a eito!!!

Comentarios