Opinión

Atonía política

Disimulen as persoas leitoras a miña insistencia na realidade que se está configurando xa en medio de mensaxes ilusionistas do goberno español, consoladores e narcotizantes da opinión popular. Ela sabe e padece xa a gravidade da situación económica, malia se resista a tirar, na maioría, ningunha conclusión política que non pase polo escepticismo e o ilusionismo tamén. A esquerda española predica, con maior ou menor insistencia, que agora, en contraste con 2008, se está rescatando as persoas.

A dereita pregunta para cando o Goberno vai pedir o rescate de España. Entre eles teñen un xogo malabarista que remite á gravidade da situación, sen asumir ningunha mudanza cualitativa respecto do pasado. Non debe sorprendernos que o debate político segue ancorado na disputa sobre a xestión sanitaria, na dialéctica dominante esquerda/dereita españolas.

Sabemos que esta dialéctica nunca sobarda os marcos dun electoralismo que se nega a ir aos problemas de fundo. Concordan en cuestións fundamentais: submisión á UE, defensa dos dogmas da Constitución española (unidade de España coas pingas de militarismo conveniente, economía de mercado, estrutura centralista do Estado coa súa división provincial, e superioridade hexemónica da lingua e da cultura españolas). O debate sobre o que chaman unidade para a reconstrución tirará conclusións sen alteraren o devandito deseño por vontade explícita da maioría parlamentar española.

Do nacionalismo galego cabe esperar que asuma este debate con determinación, sen complexos, con responsabilidade, pero con claridade e sen medos electoralistas. Doravante, máis aínda do que até agora, para todas as nacións do Estado, moi en particular para a nosa, cumprirán claridade estratéxica e discursos diáfanos sobre como saír desta grave crise, que vén a afondar a xa estrutural, no noso caso.

Un xornal do réxime en Catalunya, La Vanguardia, con informacións da propia UE, describe así a situación: tres millóns e medio de persoas traballadoras acollidas a Erte, cobrando do estado; máis dun millón e medio cobrando a renda mínima vital; dous millóns e medio, o desemprego. Sumados os nove millóns de pensionistas e os máis de dous millóns seiscentos mil funcionarios, somos dezanove millóns de persoas con cargo ás arcas públicas.

Endebedándose cada vez máis no mercado e favorecendo o negocio bancario, sen modificar a estrutura produtiva e impulsar a industria e a agricultura, e con moita menos recadación fiscal, alguén pensa que se pode manter ou aumentar o gasto sanitario ou non verse obrigado a unha radical redución do gasto público, con recortes inapelábeis, con ou sen presenza dos homes de negro?

Desde aquí, desde Galiza, se queremos enfrontar a situación con sacrificios, pero a favor da maioría social e o dereito de Galiza a existir e producir, para termos un futuro diferente, hai que definirse sobre o noso papel na UE e debater sobre a conveniencia de permanecer nela, sobre a soberanía que necesitamos para tomar decisións sobre nos mesmos e os nosos intereses, imposíbel coa estruturación do poder no actual estado español, e sobre as necesarias nacionalizacións de sectores básicos como a banca, as eléctricas, a telefonía, e os servizos como a educación, a sanidade, a dependencia ou os transportes colectivos. Indiquemos onde queremos ir e por que.

Comentarios