Opinión

Algunhas evidencias

Agora recorren á evidencia que negaron. Segundo o seu credo, só había persoas sen fronteiras, agás naturalmente as que consideran intocábeis, as do seu Estado. A pandemia era problema universal, e aquí o universo simbolízao España. Desde esa concepción da unidade dispuxéronse a enfrontar o problema cun centro redentor e de mando, para ditar ordes de obrigado cumprimento por todos e todas. Apenas quince días máis tarde, sen pudor, xustificándoo nas diferenzas territoriais, o prioritario é axudar Madrid, detraendo medios e persoal doutra partes. Dino a punto de colapsar o sistema sanitario e após negarse ao confinamento desa comunidade autónoma, centrifugador da pandemia. Xa non se subliña que as persoas existan á marxe do espazo e da pertenza a unha clase social ou da ligazón a unha estrutura política determinada, Mesmo con cínica lasitude, permítese que cada “territorio” compre como e onde poida, o material sanitario básico do que carecen por incapacidade do Estado para fornecelo. Vemos españolistas acérrimos faceren gala sen complexos da súa prioridade ser a protección da súa comunidade autónoma. E con rabia, máis unha vez, e dor comprobamos a negación que fai do noso país a cariátide impostora que di representalo. Resuma o peor que nos caracteriza como pobo, impasíbel, sen sufrir nin padecer por nada que exceda a súa individualidade egótica, habituado á impostura como norma. Unha e outra vez, hierático, a súa lealdade a España consistirá en negar capacidade e responsabilidade a Galiza sobre si mesma. Vive da insensibilidade total respecto do seu pobo. Tanto renega que prescindiu radicalmente da lingua do país, nesta conxuntura crítica, máscaras fóra, deixando claro que non existimos , que o único real é España e a súa unidade. Anuncia así cal é o futuro que desexa e os obxectivos que o moven.

Virá, de forma inevitábel, o debate sobre a UE. Quedou claro que só existe como un mercado voraz, ao servizo do apetito de negocio. É a UE dos Estados, xerarquizados e subordinados, cunha retórica incapaz mesmo de mitigar un egoísmo insolidario, entre eles, que vai máis alá de calquera urxencia ou continxencia, comprensíbel, propia de cada un. Non podemos seguir enfeudados a unha visión estratéxica que nos ata, en exclusiva, a deseños rexionais como a UE ou a potencias e alianzas militares como USA e a OTAN. Neles, aínda enriba no seu furgón de cola, somos como inexistentes, sen relevo. Como o somos, nun Estado que se nega a asumir outro concepto de unidade que non sexa o da obediencia subordinada a un poder central que nega os nosos dereitos básicos como pobo: vivir na propia terra, na propia lingua, desenvolver o país en beneficio colectivo, responsabilizarnos de nós, como paso mesmo ineludíbel para convivir con outros.

Sabemos cais van ser, cais están sendo, as receitas que se manexan para o futuro. As grandes empresas intocábeis, non cabe planificación social algunha; o capital financeiro, elemento esencial, con débedas públicas xigantescas das que tirar negocio; negativa a reducir os gastos militares, pois o exército garante é de paz, unidade e orde; resistencia a un modelo político estatal de soberanía real partillada entre as distintas nacións do Estado, coa propensión a meter medo aos de dentro e a cegar calquera vía de autogoberno real.

Comentarios