Opinión

Algo se move

Hai situacións que, para alén de provocaren preocupación, abafan con angustia e tristeza, derivadas da impotencia. Esta sensación, tantas veces experimentada verbo de problemas da nosa propia sociedade, aparece tamén perante conflitos externos que son aguzados, no seu proveito, por quen ten ou aspira a manter a súa hexemonía mundial. Entramos neste século, após a desaparición da URSS e os estados do socialismo real, coa execución dun deseño agresivo por parte dos USA e a OTAN, contra países de grande importancia estratéxica, que mantiñan a súa soberanía. En 1999, o réxime iugoslavo debía ser arrombado, coa finalidade de acabar con calquera pretensión de manter unha postura antiimperialista no centro da Europa. Lembro os avións que bombardeaban Belgrado, incluída a embaixada chinesa, saíndo de Torrejón de Ardoz. Mentres, unha opinión pública resignada era anestesiada co argumento de que se trataba da defensa da democracia e de acabar coa tiranía de Milosevic. Apenas a voz discrepante do nacionalismo galego no Congreso dos Deputados. Dominio absoluto do entusiasmo servil ou do medo a discrepar, e mesmo a matizar. Calquera audiencia á delegación da embaixada iugoslava nas Cortes estaba contraindicada, como apestados. Falamos e escoitamos. Non sei que será hoxe daqueles homes e mulleres. O paradoxal é que, após contribuír a aguzar o odio nun estado plurinacional, os gobernos monicreques de España, en primeiro lugar o do Sr. Aznar, se remexeron perante o recoñecemento da independencia de Kosovo, temendo que esta mudanza de fronteiras na Europa occidental xustificase outras no futuro.  

En 2003 chegou a invasión de Iraq, precedida dunha campaña de intoxicación contra un denominado terrorismo islámico, desde os atentados do setembro de 2001 en New York, de xestación máis que tenebrosa, aínda hoxe por aclarar. A barbarie destrutiva deixou tantos sufrimentos e secuelas, aínda á vista, que a inestabilidade é a norma, e a do novo poder político é o odio a Occidente, en particular aos USA. Neste caso, a opinión pública occidental foi capaz de superar a tépeda reacción política dalgúns dos seus gobernos e mobilizarse contra a indignante participación doutros nunha agresión dantesca, xustificada en mentiras de groso calado (posesión de armas de destrución masiva e conivencia co terrorismo). É curioso comprobar como Occidente se cargou os réximes máis laicos e socialmente avanzados que había entón no Islam: Iraq e Libia (en 2011). Co paso dos anos, nin os USA nin a OTAN conseguiron controlar a situación e estabelecer o seu dominio alí. Sucedeu o que non procuraban: a maior parte de Medio Oriente móvese con maior autonomía dentro da xeoestratexia mundial hoxe que hai vinte anos. Tamén unha delegación da embaixada iraquí percorreu os corredores do Congreso. A reacción maioritaria foi o distanciamento eurocéntrico. Creo que aquelas persoas non daban creto a que unha mentira tan basta puidese servir para xustificar a liberación do pobo iraquí do tirano Saddam Hussein. Está claro que, en vinte anos, moitas cosas mudaron na política internacional para ben. Acabouse o poder omnímodo de Occidente, cos USA á fronte, impondo o seu deseño e sinalando inimigos a cercar e eliminar. Inténtao, pero xa ten a resposta inevitábel. 

Comentarios