Opinión

Agradecendo un espazo para o debate

Agradezo a resposta de Ana Boullón, especialista en onomástica e membro da Real Academia Galega, ao meu artigo De nomes e miserias propias, publicado neste xornal, porque nos dá, a ela e a min, posibilidade de aclarar e matizar posicións e análises. No caso dela, respecto das palabras que se lle atribuían no xornal La Voz de Galicia, após unha entrevista telefónica. No meu, en relación co que ela vén de razoar tamén para aclaralas e precisalas. 

No meu artigo devandito non fixen máis que me referir con respecto a unhas súas declaracións, coas que discrepaba. Boullón asume que ou non se fixo entender entón, ou non foron ben recollidas as súas palabras polo xornalista, ou non se entenderon tal e como el as recolleu. Unhas posibilidades que, en todo caso, remiten a responsabilidade a que, de inicio, se prestaban a malentendidos. Deberá admitir que eu diso non son responsábel. Non manipulei ou retorcín para nada o que lle atribuíron. Nada teño en contra de que aproveite a oportunidade do meu artigo para facerse entender. Porén, coido que tamén debía ter aclarado no xornal onde foi interrogada as apreciacións ou análises das súas declaracións que foron obviadas se, como di, favoreceron equívocos e malentendidos. Fique claro, pois, onde está, en principio, a orixe do problema. 

Vaiamos agora ao miolo do tema que nos debe ocupar. Polo que se ve, coincidimos nunha cuestión básica: a diferenza entre a proporción de nomes distintivos das linguas propias en Galiza con respecto a Euskadi, Catalunya e Navarra débese á diferente asunción da conciencia nacional entre as respectivas nacións. Uso das palabras da membro da RAG, con lixeiros retoques de importancia, para eu asumilas como miñas. Tamén, sen dúbida, a que a lingua está menos prestixiada e non hai a mínima promoción pública para favorecer os nomes galegos nin restaurar os apelidos na forma orixinaria. O resultado é, simplemente,  que na Galiza o recurso a nomes galegos é moito menor que en Euskadi e Catalunya, en concreto entre os dez primeiros preferentes, no ano 2019. Engadirei que, na súa resposta ao meu artigo, hai aspectos que merecen matización, debate e mesmo discordancia.

De utilizarmos o termo liberdade como xustificación, as conclusións poden ser mortais

Afirma que co remate da ditadura desapareceron as pexas legais que impedían o rexistro con nomes diferenciais en galego. É unha afirmación inexacta e nesgada. Aínda en 1996 existía ese problema. Desde 1977 só se permitía mudar para un nome galego a aqueles que tiñan nado antes deste ano. Os nados a partir de aquí, atopábanse con que non podían facelo, sendo xa maiores de idade, porque xa naceran en liberdade. Así o problema era só do franquismo. Tamén estaba en que o individuo non era libre cando na súa familia lle asignaban un nome sendo crianza. Á súa vez a súa familia, maiormente, estaba, e está, nunha tradición  condicionada por un dominio cultural da lingua dominante, o español,  e de todas as modas que se espallan desde os aparatos de españolización (xa sabemos, incluídas as pingas anglosaxonas e exóticas). 

A forma de analizar o problema da lingua, sen termos presente o contexto, desfigura e agocha os problemas que padecemos (a esta luz hai que analizar a cuestión dos nomes que son igual en galego e castelán, para valorar o significado do seu uso). De utilizarmos o termo liberdade como xustificación as conclusións poden ser mortais. Así pasaba á luz da legalidade que se abriu paso en 1977. Por certo, quen subscribe, representando o BNG no Congreso, tivo que moverse a fundo, entre 1996 e 1998 para lograr a modificación desa legalidade e adecuala ao noso contexto (ás fontes remítome: Diario de Sesións e Boletín do Congreso). Algo parecido aconteceu para suavizar e racionalizar os trámites para os apelidos poder seren restaurados nas súas formas orixinarias (se non lembro mal na seguinte lexislatura, 2000-2004).

Discrepo dos reproches que lle fai a Nós Diario. Por pudor. Ana Boullón fixo as súas declaración no diario que é unha das maiores caixas de resonancia da política lingüística oficial. Ela e máis eu, grazas a Nós Diario podemos publicar as nosas opinións e debater sobre o tema da lingua, e todo o que en especial afecta ao noso país. Finalmente, hai temas que, cando menos, son opinábeis. Un deles é como anda o sentimento de sermos galegos de nación e como se traduce no recuso á onomástica galega.

Comentarios