Opinión

Aclarar preguntando

Os últimos artigos de Miguel Bastos en Nós Diario sobre marxismo e cuestión nacional obríganme a algunhas aclaracións. Trátase de aclarar aspectos transcendentes do mundo actual e das prácticas socio-políticas necesarias para os pobos, como o galego, acadaren existencia digna. Nesta dimensión, o marxismo e o leninismo acubillan unha gran potencialidade, no plano teórico-práctico, para entendermos o sistema capitalista actual e para a procura de alternativas. Desde logo, moitas mudanzas positivas nos Estados capitalistas foron consecuencia de movementos obreiros e populares de inspiración marxista. E boa parte dos movementos de liberación nacional e antiimperialistas nesa filosofía se inspiraron. Os propios Estados do socialismo real, como contrapeso, fixeron avanzar o reformismo social nos Estados capitalistas, e moitas colonias liberáronse coa súa axuda. Dígoo pertencendo a un movemento nacionalista que nunca foi apoiado por Internacional de ningún tipo. Parte do caos, da confusión e da desorientación práctica das maiorías sociais hoxe devén da desaparición do socialismo real, da falta dun imaxinario colectivo alternativo, por máis deturpada ou deficiente que fose a realidade dos devanditos Estados socialistas. 

Un marxismo non dogmático pode e debe acreditar na existencia de clases sociais, tanto como acreditar na existencia de nacións sen Estado que teñen dereito a seren libres. É incuestionábel, dun punto de vista materialista, que a dependencia condiciona non só a estrutura de clases, o seu comportamento, tamén a estrutura económica. Completar o concepto de plusvalía, a derivada do traballo produtivo, co concepto de excedente, a riqueza de diversa procedencia que emana da nación, do colectivo social, e que lle é roubada, succionada para fóra, é necesario e non contraditorio desde unha óptica marxista. O sentimento nacional, de identificación co propio país, nunha nación negada é especialmente revolucionario, pois contradí moitos elementos de alienación que xustifican a submisión á orde existente, para alén de o normal é sentirse identificado co pobo ao que un pertence. Galiza é un caso paradigmático de roubo do seu excedente e de sometemento a un deseño que a vai destruíndo na súa potencialidade como nación. Non saímos do sarillo infernal do espolio dos nosos aforros, das materias primas, da produción de enerxía, dos recursos xerados por empresas con sede fóra de Galiza e un longo etc. O Estado español, en maridaxe con oligopolios e transnacionais diversas, aplícanos un deseño de submisión que é letal desde o punto de vista colectivo, mentres vai efectuando un proceso de asimilación cultural e lingüística, co apoio dos intermediarios internos, que anula a vontade propia. Se non hai identificación coas clases traballadoras e coas maiorías sociais, o nacionalismo é inviábel na Galiza. Son quen debe sustentar unha alternativa que persiga a liberdade da nación. De facérense conscientes da realidade, son as que poden estar interesadas obxectivamente en mudala. Certamente é moi posíbel que hoxe na Galiza o núcleo máis pobre se exprese xa en castelán. Porén, iso o único que demostra é que estamos asistindo a un proceso de asimilismo tan forte que o abandono da lingua propia se produce xa sen a menor mobilidade social. A pequena e media burguesía (existirá aquí?) cabe no nacionalismo, se é consciente da realidade do seu país, e acredita que o modelo non pode ser nin oligopólico nin de globalización imperial nin españolista.

Gustaríame rematar cunha sinxela incitación á cavilación: Cal foi a actitude de todas as grandes empresas respecto do procés catalán? Houbo mudanza de mentalidade económico-social no nacionalismo catalán no seu conxunto? Están as oligarquías inseridas no procés ou ten base popular maioritaria? Hai algo máis incisivo no Estado español contra o réxime monárquico e centralista que nos oprime? As respostas ilustran sobre o papel do nacionalismo, sexa ou non de inspiración marxista, na Europa Occidental e a actitude dos poderes reais con el.

Comentarios