Opinión

A UE delirante

Vén de se celebrar un Consello Europeo extraordinario o día 9 deste mes. As conclusións que se fixeron públicas, após unha xornada de aparatosa posta en escena, con Zelenski de estrela convidada, retratan até que estremo a UE padece dun delirio que a incapacita para actuar con realismo.

Dá a impresión de estar prisioneira dunha retórica oca para xustificar unha posición inalterábel fronte a unha situación interna e internacional que a desborda. Naturalmente, non deixa de ser a codia propagandística para agochar un interior de graves contradicións, conflitos, desavinzas e cambadelas que só amolecen perante o Deus da unidade do mercado, o negocio, e a lamentábel submisión a unha organización militar que comanda os USA.

É esta fasquía militarista expresada en dimensión teatral e hiperbólica, como se se tratar dunha cruzada contra un herexe diabólico, Rusia, a que agora caracteriza politicamente esta unidade de estados europeos, empeñados en que a orde mundial non mude; é máis, en que Occidente manteña unha hexemonía tan gravosa para o resto (boa parte de Asia, África e América Latina), baixo a xefatura dos USA, o tan gran beneficiado como en estado de delirio interno permanente.  

Supoñemos que esta retórica de auto-engano e auto-bombo non indica que algúns gobernantes dos estados membros non sexan conscientes de as cousas non iren como sería de desexar. Tan é así que algúns deles apréstanse agora a procurar acceso a novos mercados, aparentando abandonar a súa tradicional arrogancia e mesmo argumentando que as relacións deben ser máis igualitarias, precisamente pola presenza de China e Rusia neles.

Mesmo, a retórica agresiva do seu belicismo cínico non pode agochar que o interese último, o que lles tocará como recompensa, sexa cal for o resultado da guerra, é a Ucraína dentro do mercado único da UE. Aboia, ademais, o pensamento obsesivo no fabuloso negocio da reconstrución dese país. Saben que hai unha nova realidade xeopolítica, e, usando a súa terminoloxía, un problema de competitividade e produtividade, polo que planifican investir en sectores estratéxicos, e mesmo dar axudas estatais momentáneas, din,  que non perturben o mercado único.

Este  debe ser completado coa unión dos mercados de capitais. Así, e con instrumentos de defensa comercial (que non acaban de aplicalos contra quen fai unha política proteccionista que os prexudica, os USA), pensan saír adiante na nova xeopolítica, sen esquecer o control efectivo das súas fronteiras terrestres e marítimas, admitindo só a migración segura, ordenada e regular.

Rechama a nula preocupación, sequera como retórica, por tomar medidas para o modelo económico e social non causar máis pobreza e precariedade, polos servizos públicos fundamentais non seren pasto da privatización e do deterioro ou por conseguir o control da inflación, controlando os prezos, impedindo as ganancias desorbitadas de moitas empresas, entre elas, bancos e distribuidoras.

Esperar algún disposición a equilibrar a economía produtiva entre os distintos territorios da UE sería pedirlle peras ao olmo. Podemos resumir así as conclusións do Consello extraordinario: todo dentro do modelo neoliberal que teñen como dogma, adobiado agora con  guerra, guerra, guerra!

Comentarios