Opinión

A TVG e nós

Non adoito ver programas televisivos españois. Resúltanme indiferentes ou insoportábeis. Non digamos os seus informativos e os seus debates políticos. Sen os mínimos de respecto polo pluralismo ideolóxico-político, non hai lugar para quen poña en cuestión o réxime actual ou a política internacional da UE, dos USA e do seu batallón armado, a OTAN. Naturalmente, en maior ou menor grao, sofren apartheid informativo os movementos nacionalistas; de forma moi marcada, o nacionalismo galego. É así, tanto na TV pública como nas privadas. Por suposto, a presenza de Galiza, os seus problemas, a súa multifacética realidade non ocupan o menor espazo, a non ser a curiosidade catastrófica ou a singularidade extravagante ou idílica por marxinal e anticuada. Sobre política, economía, cultura ou lingua, ausencia absoluta, indiferenza programada. Non somos dignos de atención, estamos condenados á insignificancia. Temos gañado batallas legais, como a oficialidade exclusiva dos topónimos galegos orixinarios. Levou anos para que esa oficialidade fose respectada polos medios de comunicación españois (aínda fican insubmisos), malia a rotundidade prescritiva da lei autonómica e estatal ao respecto. Lembro con especial satisfacción o día que, en 1998, o Congreso dos Deputados aprobou a lei enviada polo Parlamento Galego, necesitada de ratificación alí, por se tratar dunha competencia estatal, para as denominacións das provincias de Ourense e A Coruña correspondérense coas xa legais das súas capitais. A legalidade autonómica, burlada de forma descarada e agresiva, viña a ser reforzada. Aínda así, a resistencia seguiu a ser feroz, incluídas as administracións e organismos estatais. Paseniño, porén de forma inexorábel, foi impóndose.   

E a TVG? Tampouco habitúo vela. Non é mérito; máis ben grave deficiencia ou mancadura. Sen remedio. Tortura individual e colectiva transmíteme a súa deliberada e penosa imaxe do país, a intención que a move. Teño a impresión de se aboar e afondar  na deformación e limitación mental que padecemos por mor de quen nos habituou e habitúa a un papel subordinado, dependente, sen valor nin perspectiva propia. Pensar que se gastan millóns de euros do noso erario público, de forma tan cavilada como pezoñenta, para a nosa eliminación como pobo con aspiracións e vontade, irrítame. A verdade é que este papel tan insidioso da TVG no moldeado da conciencia social galega non é denunciado nin combatido, co arroallo necesario, nin a nivel político, nin a nivel social nin a nivel cultural. Non é só que practique unha constante falta de respecto polo pluralismo político da sociedade galega e unha manipulación obscena a favor do partido no goberno. O peor é que a súa liña programática perfila a visión da realidade de forma que todo o galego, incluída a lingua, sexa unha subcategoría, un apéndice subordinado e dependente de todo o español. De ascendermos a unha escala valorativa superior, é prescindíbel. A referencialidade mental última, en todos os aspectos, debe ser España. O día 14 deste mes, ás nove da mañá, a TVG emitía o programa É hora de festa. Nesta ocasión, sobre a Romaría de Santiaguiño do Monte en Padrón. Unha televisión acesa. Préndome nela. Mozos e mozas, nenos e nenas, non só os maiores, respondían en galego á entrevistadora. Había carreira ou exposición de burros e burras. Ambiente enxebre con certa vivacidade e autenticidade. O condutor do evento expresábase nun galego popular, depurado de miserias diglósicas. Pensei para min, canto pode o espírito rosaliano, e parece que ampara esa xente padronesa! Apareceron gaitas. Nada se ouvía. Comeza a banda sonora da TVG para acompañar imaxes: Peret e súa parranda. Que mellor acompañamento para desvirtuar o noso limitado, pero gozoso, enxebrismo!

Comentarios