Opinión

A política corpórea

Sorprendeume para ben, neste contexto de banalidades e convencionalismos xornalísticos sobre o que é e como se analiza a política, comprobar que, nun xornal de orde pero con certa racionalidade e pudor, como La Vanguardia, alguén escribise de forma tan verdadeira sobre fenómenos de natureza política, como o papel do liderado, dos partidos e das redes sociais, nas democracias occidentais hoxe en día. O xornalista Francesc-Marc Álvaro, nun artigo co título de “No imiten a Macron” (30 de xuño de 2020) nese xornal de Catalunya, analizando os pésimos resultados na segunda quenda das eleccións municipais francesas, para as candidaturas do movemento do actual presidente de Francia (A República en Marcha), tiraba algunhas conclusións do maior interese, polo seu realismo, veracidade e valor pedagóxico.  Algo ao que hoxe non estamos habituados. Estas democracias mediáticas adoitan orixinar e promover liderados carismáticos, que se lanzan con todo o encanto do novo, en aparencia simplemente apoiados en movementos sociais, que se desenvolven, de forma prioritaria nas rede. Curiosamente deostan dos partidos tradicionais, e prometen, sen saíren do marco da racionalidade e da estabilidade do sistema, o que denominan rexeneración da política e, mesmo, unha sociedade harmónica e xusta (unha palabra inescrutábel no seu sentido político). Por norma xeral teñen un lanzamento fulgurante e con suceso, e unha vida non demasiado longa, pois acaban por evidenciar que son un bluf sen paliativos, en todos os aspectos. A maior parte das veces teñen de todo menos inocencia. Normalmente é o líder o centro de toda decisión para a súa actuación, a única referencia para a sociedade e a estrela que atrae as masas a distancia. Resulta que Macron fora antes un eficiente burócrata ao servizo da banca Rothschild. Non imos comentar o caso de Ciudadanos no Estado español, e o liderado de Rivera, cuxo relanzamento non foi casual, apoio bancario e empresarial incluído. No campo da esquerda española, o caso de Podemos, respondendo a un esquema similar, necesitaría outros matices explicativos.

Atendendo ao caso de Galiza, gostaríame subliñar, co devandito xornalista catalán, que o que dá solidez e garantía a unha opción política, expresada en termos de capacidade social e colectiva, é contar con xente sobre o terreo, en fábricas, no sistema educativo, nos servizos públicos, nas asociacións de veciños e organizacións sociais e culturais de todo tipo. Esas persoas que están ás duras e ás maduras, fóra dos focos da atención mediática, e que actúan por todo o espazo da nación, barrios das cidades, vilas, parroquias e aldeas. A resistencia do nacionalismo galego, con todas as súas limitacións e eivas, en conxunturas críticas, tivo moito que ver con isto. Afortunadamente o nacionalismo galego ten unha líder capaz, arraigada na súa tradición e na súa experiencia política, e mesmo desde os criterios que o márketing para consumo electoral esixen, óptima. Porén, a alternativa política para ser sólida, resistente, avanzar e lograr os obxectivos, non debe perder nunca de vista que os bos resultados electorais deben acompañarse de traballo e introdución por abaixo. As redes sociais producen espellismo de implantación, unha especie de burbulla que, finalmente, é puramente auto-referencial. O devandito xornalista lémbranos que a política debe seguir sendo corpórea porque a confianza real é corpórea tamén. Hai que sementar socialmente, facer proselitismo,  estar e pisar até o curruncho máis agochado do país. Unha alternativa nacionalista na Galiza debe telo especialmente presente.

Comentarios