Opinión

A palabra

A poesía galega do século XIX, en especial os nosos clásicos, e en particular Curros Enríquez, non se pode entender na súa intencionalidade última se non se ten presente o seu carácter evanxélico, e en certa maneira profético. É como se conscientes da carencia dunha Igrexa identificada co pobo galego, a poesía tivese a misión de espallar a boa nova da necesaria redención de Galiza. Por iso, a relixiosidade de Rosalía, Pondal e Curros foi heterodoxa. Bebeu no cristianismo, porén non comungou cos dogmas do catolicismo. Unha intención de semellante alcance e calado, o seu papel de evanxeo laico, quedaba limitada no seu alcance cando, entre outras cousas, a relixiosidade institucionalizada lle era, e é, fondamente hostil. Desta maneira, atopámonos cunha sociedade, con profetas que, como artistas, recorreron ao racionalismo de pensar con liberdade desde unha emocionada e dorida angustia perante o estado do seu pobo. Aires da miña terra de Curros, con tres edicións entre 1880 e 1886, foi o evanxeo máis espallado e mellor recibido no seu momento, con escándalo público incluído. A primeira edición remata cunha “Encomenda”, que predica un poeta, cantor, que trae “a boa nova” para o seu pobo; na terceira edición, con poemas engadidos, remata con outro de título “A palabra”, en boca de Mahomet, “o eleito dos profetas, o árabe de Deus”. A redención de Galiza e a redención do mundo árabe terían o común denominador da rebelión contra as desigualdades humanas.

Como poden ver, non anoxaba Curros a diferenza cultural, lingüística ou relixiosa. Era quen de entender que, no caso das relixións monoteístas, a “verdade revelada” era, na base, común ás tres. Beben da mesma fonte e responden a circunstancias similares. “A palabra” sobre a predicación do profeta Mahomet e o seu carácter fraterno e ecuménico non deixa de ser un anatema da intransixencia relixiosa das Igrexas cristiáns e a defensa da concordia entre os seguidores de Cristo e os de Mahomet, con evanxeos orixinarios baseados na paz e na convivencia humana entre iguais, pobos e persoas. Claro que todos entendemos que, entre a capacidade de Curros, como poeta, para arrastrar tras de si o noso pobo, e a de Mahomet, como profeta xurdido das clases dirixentes árabes e integrado na súa sociedade con incidencia, para alén da transcendencia relixiosa da súa proposta redentora, para logralo, hai diferenza. A maiores decatémonos de que o evanxeo cristiá que Curros non só respectaba senón que tiña como búsola, está secuestrado, no noso caso, por institucións que nos negan. O noso racionalismo, ás veces excesivo ou ideoloxista, págase coa impotencia por carecermos de factores emocionais que nos galvanicen como pobo con dereito a existir. A relixión non está ao noso favor, e ignoramos mesmo a nosa tradición histórica, unha combinatoria destrutiva. A segunda carencia pode e debe ser enfrontada, temos capacidade para recuperala.

A palabra, pois, segue a ser elemento vital, a predicación co exemplo. Para comunicar as nosas razóns e os nosos afectos, a nosa necesaria identificación co pobo ao que pertencemos. Non convertamos a palabra nun elemento máis de engano, banalización ou marketing. Comuniquemos razóns e sentimentos destinadas a facernos conscientes como pobo galego da nosa responsabilidade e capacidade respecto de nós mesmos. Non outra cousa é a redención de Galiza.

Comentarios