Opinión

A bandolinata

Leo nun xornal catalán a entrevista a unha xornalista americana, Abigail Shrier, nai de tres crianzas, autora dun libro sobre o que ela considera moda transxénero nos USA. Limitareime a indicar o máis obxectivo e contrastado da súa denuncia. Na sociedade norteamericana estase a producir, en especial entre mulleres adolescentes de 12 a 14 anos, a maior crise mental que se viu nunca nesta fase etaria. Tanto é así que a sensación de incomodidade, desasosego e angustia que viven en relación co sexo biolóxico propio intentan superala a través da re-asignación de sexo, unha maneira de escapar da súa forma feminina. Os dados resultan esmagadores. En 2016 o 46% dos casos de operacións para re-asignación de sexo correspondían a mulleres. En 2017 a porcentaxe subiu ao 70%. Por certo, en cada Estado as condicións legais para lograr o permiso e mesmo as axudas oficiais existentes para a operación son diferentes. Tamén é curioso que a disforia (tristeza, malestar, angustia) co sexo biolóxico se daba até agora máis entre os nenos, xa na infancia. Algunha determinación importante das condicións culturais, sociais e económicas debe estar a producirse, que atinxe, de maneira especial as adolescentes, creándolles inseguridade, falta de autoestima, odio ao propio corpo e mesmo tendencia a autolesionarse. Non sei se a mellor maneira, ou a única, de superar esas angustias, ansiedades, tristezas e auto-odios é recorrer ás mutacións biolóxicas, é dicir, físicas, sexuais, aparentes, visuais, de forma tan temperá. Con tempo e con sosego, sen que o interesado ou interesada poda estar incitado por ningunha moda ou estímulo banal, con conciencia plena de que o considera o mellor, debería procederse. 

O certo é que esta problemática da angustia e a ansiedade, do sufrimento, polo pensar e sentir non concordar co sexo biolóxico, coa propia aparencia física, paira sempre que leo algúns poemas rosalianos. Traducen estados de ánimo, sufrimentos persoais, depresións conectadas, embora non só, a sentimentos amorosos, a atraccións sexuais. Porén, teño a sensación e a convicción fundada de, neses poemas rosalianos, non se manifestar ningún interese ou pretensión por fuxir da forma feminina, do sexo biolóxico propio. Máis ben expresan unha afirmación e autoestima do corpo da muller como fonte de afecto e expresión de fermosura. Desde logo, cabería o transxénero na concepción filosófica e moral rosalianas, igual que cabe o travestismo e o que se agochaba entón na androxinia. Leo, con gozo pleno sempre o seu poema da parte III (Varia) de Follas Novas, A bandolinata. É modélico para nos aproximar ao seu espírito proteico, denso, á vez que accesíbel, nalgunha medida sempre, para quen a lea, sen perder o seu misterio, a súa intriga. Malia o terríbel sufrimento feminino con que arranca o poema, mestura de drama íntimo e social, non hai disforia co propio sexo, hai revelación da mesma alma feminina, encarnada en situacións históricas (tempos remotos), espaciais (Italia, Bósforo), sociais (raíña, escrava) e emocionais diferentes, grazas á audición dunha cántiga, concertada con bandolín, nunha atmosfera ela mesma xa algo fantástica. A suxestión da arte musical é capaz de transportala a mundos de encanto, como se tivese vivido outras vidas antes, e mesmo calma as presentes ansias, xustamente por evidenciar que o seu amor fondo encontrou eco noutras vidas que a fan revivir. En todo caso, Rosalía, muller biolóxica, poetizou experiencias de suxeitos que viven "sempre amor fondo/ sentindo na ialma", mantendo ás veces na ambigüidade calculada a marca sexual ou deixando entrever a atracción polo mesmo sexo. 

Comentarios