Opinión

50 anos

Chego a casa logo de participar na manifestación, organizada pola CIG, do Día da Clase Obreira Galega, en lembranza dos sucesos de Ferrol de marzo de 1972 e a represión (asasinato de Amador e Daniel, feridos, multados, encarcerados…) desatada polo réxime franquista contra os traballadores da Bazán, que defendían o dereito a organizárense, loitar polos seus dereitos e manifestárense publicamente. Pasaron cincuenta anos. Dá para pensar en cal foi, desde entón, a evolución de Galiza e dunha cidade como Ferrol, e tamén sobre a evolución do movemento sindical, desde aquela clandestinidade relativa á legalidade do sindicalismo actual. Este ano, como sempre, se ben dunha forma aínda máis contrastada, houbo dúas formas de lembrar o pasado en función do presente e do futuro. Non cabe dúbida de que, naquel marzo de 1972, na comarca de Ferrol, a incidencia do PCE e das incipientes CCOO no movemento obreiro era grande, tanto como residual a do nacionalismo.

Nesta dialéctica resulta ilustrativo que, por consideralo normal e ter un maior ou menor compromiso antifranquista, os dirixentes sindicais de entón aquí, na negociación do quinto convenio colectivo da empresa, defendesen un convenio para a factoría de Ferrol, que nin Cádiz nin Cartagena asumían, por teren un menor grao de conciencia colectiva. Entón os traballadores do estaleiro de Ferrol eran máis que os das outras dúas factorías xuntas. A posición galega non foi respectada e asinouse un convenio único, para todas, o 7 de marzo en Madrid. A reacción colectiva en defensa dos dereitos a unha vida laboral máis digna e da capacidade de decisión propia estourou a partir dese día. Polas rúas de Ferrol este 10 de marzo de 2022 os manifestantes da CIG berrabamos, convenios aquí e non en Madrid. Na de CCOO, o máis significativo era unha pancarta contra o alcalde de Pontevedra pola súa postura verbo de Ence. Malia non ser nada triunfalista sobre as mutacións da sociedade e a economía da Galiza nestes cincuenta anos, vendo a vitalidade, a enerxía e a maior entidade do corpo social da manifestación nacionalista, e escoitando as análises e propostas do seu Secretario Xeral sobre a situación actual, sentín orgullo e esperanza sobre o futuro. 

Cavilei tamén noutro feito ilustrativo. Até chegar o nacionalismo ao Congreso dos Deputados non houbo ningunha iniciativa para recordar as vítimas nin reparar o dano feito. O 23 de abril de 2002 debateuse unha proposición do BNG a este respecto. Foi rexeitada por un PP gobernante con maioría parlamentar. Polas mesmas datas un goberno municipal con alcalde nacionalista, Xaime Bello, nunha cidade até entón case sempre gobernada pola esquerda española, asumía o reto de retirar a estatua de Franco da chamada Praza de España. No debate parlamentar aproveitei para subliñar: Nos anos setenta, a presenza das forzas antifranquistas nestas cidades galegas [Ferrol e Vigo] era, en termos relativos, moito maior, máis preponderante e máis determinante que nas cidades que acabo de aludir [Madrid, Albacete e Cádiz, onde eu tiña estudado e traballado].

Comentarios