Opinión

Quo vadis, Deportivo?

No ano 1992 o PP e o PSOE pactaron unha reforma legal que avanzaba na mercantilización da actividade deportiva de elite en xeral e do fútbol moi en particular. Así, a práctica totalidade de equipas do estado víronse na obriga de perder a súa natureza fundacional de sociedades de caracter comunal e asociativo (onde o poder de descisión residía unicamente nos socios e socias) para  ter que se converter por forza en empresas, baixo a fórmula de Sociedade Anónima Deportiva. Todas agás o Real Madrid, o Barcelona e dúas escuadras bascas; o Athletic e o Osasuna.

No ano 1992 o PP e o PSOE pactaron unha reforma legal que avanzaba na mercantilización da actividade deportiva de elite en xeral e do fútbol moi en particular. Así, a práctica totalidade de equipas do estado víronse na obriga de perder a súa natureza fundacional de sociedades de caracter comunal e asociativo (onde o poder de descisión residía unicamente nos socios e socias) para  ter que se converter por forza en empresas, baixo a fórmula de Sociedade Anónima Deportiva. Todas agás o Real Madrid, o Barcelona e dúas escuadras bascas; o Athletic e o Osasuna.

"Nese momento concreto, Lendoiro coma tantisima xente desmotivada por un Deportivo non xa ramplón ou malo de solemnidade, se non falto de orgullo e estima en si mesmo, nin sequera era socio do Deportivo".

Na Coruña, o Deportivo era un club recén ascendido a 1ª  logo de dúas décadas vagando en pena pola 2ª e a 3ª División, debuxando o periodo máis triste da súa existencia. Apenas ano e medio antes a queima supersticiosa da cuberta de Preferencia e a vitoria contra o Murcia devolvera ao deportivismo a ocupar un lugar entre os grandes que costara arduo traballo defender meses despois naquela promoción de infarto co Betis.

Nin 4 anos antes, o Depor, con apenas 5000 socios e unha débeda inasumíbel naquela altura, encomendara o seu futuro, logo dunha multitudinaria xuntanza no salón de actos dos Salesianos, á persoa de Augusto César Lendoiro. Houbo que ir buscalo, así de claro. Nese momento concreto, Lendoiro coma tantisima xente desmotivada por un Deportido non xa ramplón ou malo de solemnidade, se non falto de orgullo e estima en si mesmo, nin sequera era socio do Deportivo.

Logo do milagroso gol de Vicente, a piques de descender á 2ªB, o Club enderezou o rumbo e a cidade comezou a recuperar aos poucos o orgullo e a afección polas cores deportivistas. Cando chegou o ultimátum para termos que nos convertir en Sociedade Anónima Deportiva, (e falo en primeira do plural porque eu síntome, humildemente e xunto con moitisima xente, parte do deportivismo), produciuse algo que era inimaxinábel anos atrás:

"A pulso, co boca a boca, sen ningún tipo de axuda mediática, pública ou empresarial, a masa social deportivista, foi quen de capitalizar o Club con máis de 400 millóns de pesetas".

A pulso, co boca a boca, sen ningún tipo de axuda mediática, pública ou empresarial, a masa social deportivista, foi quen de capitalizar o Club con máis de 400 millóns de pesetas. Cantidade aportada maioritarisimamente por pequenas achegas de máis de 15000 persoas; moita xente da Coruña, pero numerosisima xente da Costa da Morte, Bergantiños, A Montaña, Terra Chá... galegos e galegas todos e todas que apostabamos decididamente polo futuro do Deportivo.

E conxuntamente, da man de Lendoiro, soberanamente decidimos incorporar unha clausula aos Estatutos do Deportivo; a famosa clausula do 1%, esa que impide que un só accionista particular ou grupo empresarial teña no seu poder máis do 1% dos titulos accionariais do Dépor. Conseguimos desa maneira (caso único no estado español) burlar a lei que viña de Madrid e garantir que o noso equipo continuase a ser dos afeccionados e afeccionadas. Imposibilitando de vez que o Deportivo poidese ser utilizado para mercadeos e chalaneos varios por castes empresariais, políticas, financeiras e mediáticas, dominantes na Coruña, que tiñan perfectamente planificado a toma e asalto do Club.

Por eso hoxe, e ainda logo da fallida ampliación de capital da década pasada, o noso Club é noso. E a diferenza do que ocorre noutras equipas,  os e as que decidiremos o futuro do Deportivo nas próximas asembleas imos ser ese ronsel de pequenos accionistas, futboleiros e futboleiras de verdade, e deportivistas de corazón.

Poderemos estar dacordo ou en desacordo con mutitude de aspectos na biografía de Lendoiro, eu, particularmente, non comulgo con infinidade dos seus plantexamentos e actuacións cabo do tempo en diversas ordes da vida. Faltaría máis.

"Os e as que decidiremos o futuro do Deportivo nas próximas asembleas imos ser ese ronsel de pequenos accionistas, futboleiros e futboleiras de verdade, e deportivistas de corazón".

Sei perfectamente quen é Lendoiro, aposto incluso, a que coñezo aspectos da súa persoa descoñecidos para amplas capas da poboación. Teño trato con el dende hai cousa de tres décadas; nada no seu curriculum vitae particular (sometido, por certo, á luz e os taquígrafos da opinión pública  cabo de infinidade de anos) me podería coller de sorpresa. Pero insisto, non falamos de política partidaria ou de afinidade persoal; e non me doen prendas en afirmar que me une a Lendoiro unha sinceira amizade; falamos de fútbol, na súa acepción máis amplia; falamos do Deportivo.

Pero faise preciso, para dogmáticos e miopes, para novos e desinformados, precisar que un club de fútbol, e máis concretamente unha entidade coma o Deportivo, non é se non un espazo de convivencia social, onde xente de diversa idade, procedencia, condición social, adscripción ideolóxica, posición económica ou situación laboral, partillan un mesmo sentimento; a devoción, sana e positiva, por un escudo, por unhas cores, por un equipo. Nin máis nin menos.

Así o foi na Coruña dende os albores do século XX, así o continuou sendo en situacións sociais e políticas ben adversas e así o continúa a ser a día de hoxe, a pesares do continuo e brutal ataque co que os poderes fácticos da cidade pretenden derrumbar unha institución que, con moitas eivas, resiste coma un dos poucos elementos libres do poder dominante que dirixe os designios da Coruña en función duns moi determinados intereses vínculados (oh sorpresa!) ao españolismo máis rancio e reaccionario.

"Non me doen prendas en afirmar que me une a Lendoiro unha sinceira amizade; falamos de fútbol, na súa acepción máis amplia; falamos do Deportivo".

O que se está a cocer nestes días na Coruña non é un proceso electoral máis nun club de fútbol, ou falando en puridade unha escolla de Consello de Administración por parte da Xunta Xeral de Accionistas dunha empresa. O que se dirime estes días na Coruña é o ataque final por parte de determinados poderes políticos, financeiros, económicos, empresariais, sociais e mediáticos a un dos poucos baluartes que resisten a subxugación ao poder mafioso que dirixe dende a sombra practicamente todo o que pasa e acontece na cidade. Así de claro.

Diante desta situación, algúns (deportivistas de longo percorrido) sentímonos na lóxica obriga (faltaría máis!) de tomar partido. Eu particularmente fagoó logo dunha ampla e detida análise da situación actual, enxuizando tamén o pasado do equipo e tentando, na medida das miñas posibilidades,  discernir o que pode ser mellor para o futuro do Club.

Son plenamente consciente de que, utilizando munición e armamento fabricado por determinado grupo mediático coñecido por todos e todas, moita xente (algunha sin mala intención) dispara sen o máis mínimo rubor contra os que sostemos segundo que posturas. Ao participar do insulto gratuito, do chiste fácil, da descalificación soez ou na menos mala das casuísticas dos razonamentos máis ramplóns, sinceiramente consigue esta xente tres cousas:

1.- Empobrecer o debate: Furtando en certa medida ao deportivismo a posibilidade de seguir ou non, co grao de implicación que cada quen queira, un proceso no que en base a argumentos e opinións fundamentadas en feitos, poidamos tirar conclusións positivas para o futuro do Club.

"Son consciente de que, utilizando munición e armamento fabricado por determinado grupo mediático coñecido por todos e todas, moita xente dispara sen o máis mínimo rubor"

2.- Descalificarse a si mesmos: a bufonada, a falta de respeto, o  recurso ao berrinche (físico ou cibernético) e a descalificación falaz das persoas en función da súa libre opinión, non fai se non desautorizar e retratar coma un ninguén a persoa que así actúa.

3.- Favorecer aos de sempre; participando coma tropa de infantería dunha estratexia deseñada polo holding cimentado nos anos anos de goberno de Paco Vázquez, para rematar de someter á Coruña e aos elementos activos da súa sociedade civil, baixo a bota dos seus designios.

Antepoñendo pois, a lóxica argumental, dialéctica e racional, por pobre e rudimentaria que esta poida ser nas miñas mans, si quero deixar constancia de que:

1.- Antes da chegada de Lendoiro á Presidencia do Deportivo, ao nefasto balance deportivo das últimas décadas había que sumar a caótica vida cotiá dun equipo carente de proxecto non xa de equipo deportivo, se non de viabilidade intitucional: facíanse desprazamentos en coches particulares por non ter cartos para un autobús, adestrábase en instalacións escolares ou había que suspender as fotos oficiais do plantel porque non había camisolas iguais para todos.

"O Deportivo presentaba unha sangría de desafeccións nas bancadas: de apenas 5000 socios chegamos a superar os 30000 tendo na actualidade máis de 24000".

2.- O Deportivo presentaba unha sangría de desafeccións nas bancadas: de apenas 5000 socios chegamos a superar os 30000 tendo na actualidade máis de 24000.

3.- O que diferencia a sala de trofeos do Deportivo dos estantes de mostrario de xoieria de latón doutros clubes son 1 Liga, 2 Copas do Rei e 3 Supercopas, conseguidas casualmente nestes 5 lustros.

4.- Nunca xogaramos en Europa; Nos últimos 25 anos chegamos a considerar a UEFA unha competición menor, e faltounos a carreiriña dun can para desputar sendas finais de Recopa e Copa de Europa. Habituamonos como nunca poideramos imaxinar a escoitar o himno da Champions na megafonía de Riazor.

5.- Ainda na situación actual, en 2ª, pelexando polo ascenso á 1ª, o Deportivo non desmerece a media histórica anterior a actual Presidencia; melloraá. Pero é que nestes 25 anos estivemos tantos anos en 1ª como en toda a historia do Club.

"Nestes 25 anos estivemos tantos anos en 1ª como en toda a historia do Club".

Destacar os logros dun mandato tan dilatado en anos coma en grandes xestas, non é óbice para recoñecer que a actual Xunta Directiva cometeu erros capitais. Particularmente quero reflexionar criticamente sobre varios dos factores que levaron ao Deportivo á situación actual, deixando constancia expresa por adiantado de dous aspectos fundamentais e irrenunciábeis, que resultan a todas luces obvios, mais que tal vez sexa preciso explicitar:

1.- De chegar o caso, que por certo non se deu a día de hoxe, a Xunta Directiva cesante deberá responder diante da Xustiza, se esta o reclamar, da súa actuación á fronte do Dépor: porque persoalmente penso que a lei debe ser igual para todos e todas, pero non máis igual para uns que para outros, como estamos a ver e padecer os seguidores do Deportivo, en comparación con outros clubes, empresas e politicos.

2.- A débeda con Facenda debe ser abonada na súa integridade: con independencia do convenio que se poida asinar, o pago de todos e cada un dos euros adebedados ao erario público debe ser satisfeito de maneira efectiva á maior brevidade posíbel, garantindo eso sí, que o Club poida seguir existindo que é tanto como dicir; que o Deportivo poida seguir xerando ingresos, creando riqueza e aportando cartos á caixa común.

Deixando claras estas premisas, non xa como afeccionado ou accionista, simplemente como cidadán libre un non pode abstraerse de manifestar que:

"Todo o proceso concursal do Deportivo foi escandalosamente condicionado pola presión e determinado rotativo, que non dubidou en influenciar tanto a cargos da Axencia Tributaria, coma aos propios Administradores Concursais"

1.- Todo o proceso concursal do Deportivo foi escandalosamente condicionado pola presión mediática de determinado rotativo, que non dubidou en influenciar tanto a cargos da Axencia Tributaria, coma aos propios Administradores Concursais e diversos responsábeis das entidades acreedoras e o que é, se cabe máis grave, persoal xudicial, para torpedear un resultado satisfactorio do proceso.

2.- Dentro do ruxe-ruxe mediático montado arredor do Deportivo faise especial fincapé en que o monto total da débeda achégase aos 160 millóns de €, sendo Facenda o principal acreedor. Vociferada até o cansanzo a cifra dos 60 millóns de débeda con Facenda e os seus significativos intereses, falta por eses mesmos medios de comunicación, a máis mínima referencia a canto ascenden os ingresos realizados nestes 25 anos polo Deportivo na Axencia Tributaria. Conviremos que, tendo unha sociedade que pagar até o último euro, non é o mesmo adebedar, poñamos por caso 2, cando so pagaches 1, que adebedar 2 cando levas pagado 10 e o podes seguir xerando recursos.

3.- Resulta a todas luces escandaloso que tendo chegado o Deportivo, através da actual Directiva (esa da que ninguén se fía) a preacordos de pagamento con entidades bancarias e crediticias, Liga de Fútbol Profesional e sindicato de futbolistas asi como con multitude de empresas acreedoras, sexa curiosamente Facenda, unha entidade dependente dun control e designio político (como estamos a ver a escala estatal) a que (tendo que ser en teoría a máis interesada en garantir a pervivencia do Club) sexa a que máis impedimentos está a poñer para viabilizar un convenio que asegure o futuro do Club.

4.- Contra do que se diga; nunca defraudou o Deportivo a Facenda. Non pagou as cantidades estipuladas, como tantas empresas con problemas, cousa distinta. Pero o que hai a día de hoxe é unha débeda por impago con Facenda, en modo algún calqueira operación contábel susceptíbel de ser catalogada coma delictiva que tería, e máis no caso actual, rematado ca actual equipa reitora, co Presidente á fronte e de cabeza, imputados diante dun tribunal.

"Contra do que se diga; nunca defraudou o Deportivo a Facenda. Non pagou as cantidades estipuladas, como tantas empresas con problemas, cousa distinta".

5.- Con rigor exquisito, cada mes de decembro dende que rexe no Dépor a actual Directiva, os e as accionistas fomos convocados anualmente a sucesivas Xuntas Xerais de Accionistas. Alí, con independencia das contas e balances presentados pola Directiva, tivemos sempre a oportunidade de inhabilitar as decisións adoptadas polo Consello de Administración ou revocar incluso ao propio Consello. Non foi asi.

E a tal punto non foi asi, que se pode expresar, sin faltar á verdade que todas e cada unha das decisións substanciais sobre o devir do Deportivo no último cuarto de século foron propostas, debatidas, votadas, refrendadas e aprobadas polas Asembleas do Club; incluindo o salario do Presidente, a creación de determinadas sociedades filiais, a ampliación de capital, a petición de créditos ou as liñas xerais de actuación no plano deportivo e institucional.

Luces e sombras, erros e acertos? Si, por suposto que sí. Particularmente considero que o balance de luces que o computo dos acertos prevalece notoriamente sobre as sombras e os erros, e reafirmo a miña opinión cando observando o panorama actual observo que a candidatura que se nuclea entorno á figura de Lendoiro e que pon en valor os últimos 25 anos de incansábel traballo deportivista é a única que achega propostas concretas ao debate. Faino ademais, logo de recoñecer os importantes erros cometidos, principalmente no tocante á xestión económica, e pedindo públicas desculpas diante dos lexítimos donos do Club.

Así, quen máis alá dos discursos ocos, e da mercadotecnia dos falabarato, se parara minimamente a escoitar as propostas que sustentan o programa co que Lendoiro concurre a este proceso adviritiría que, de obter a maioría na Asemblea:

"Todas e cada unha das decisións substanciais no último cuarto de século foron propostas, debatidas, votadas, refrendadas e aprobadas polas Asembleas do Club; incluindo o salario do Presidente"

1.- Vaise procecer a unha renovación e adecuación aos tempos da estrutura do Deportivo como Club, non para engordala ou xerar burocracia, se non para facela máis útil e efectiva: Nomearanse Asesorías Externas en materia Fiscal, Xurídica e Económica para impedir que erros de xestión nos volvan levar a unha situación tan delicada como a que padecemos.

2.- Impulsarase, ca participación de axentes esóxenos ao Club, unha política comercial que responda a demanda que xera o Club como marca, coma imaxe, buscando incrementar simpatías para o equipo ao tempo que aumentan os ingresos atípicos.

3.- Continuará o Deportivo sendo vangarda en facilitar o acceso da xente a Riazor, somos o equipo cos abonos máis baratos de toda España e Portugal, premiando a fidelidade ano a ano e continuando cos carnets para parados, xubilados, menores de 30 anos e cativos.

4.- Renovarase o organigrama da canteira; estendendo unha estrutura deportiva, coordenada polo histórico Beci, por todo o país e zonas de influencia, co obxectivo de transformar o Deportivo nunha equipa que consiga estar en 1ª con máis da metade do plantel crecida nas categorias inferiores.

5.- Buscarase a viabilidade económica das empresas filiais do Club, tentando que permanezan baixo o control do Deportivo e priorizando sobremaneira o mantemento dos postos de traballo.

Resulta humanamente imposíbel non deterse neste punto; nada máis desconcertante que ver como determinada xente trivializa sobre a importancia que poida ter o Deportivo para A Coruña e a súa área de influencia, que a bo seguro será similar á que poida ter o Celta entre os nosos veciños do Sul da Galiza.

"Grazas ao medre do Club e aos seus éxitos deportivos, hoxe das cores branquiazuis viven directamente na Coruña máis de trescentas persoas"

Ao lado do fútbol como escaparate dun capitalismo tolo, enfermo e desorbitadamente engrandecido, con xogadores que cobran millonadas, dereitos televisivos estratosféricos, clausulas, contratos e traspasos insultantes... conviven verdadeiros obreiros e obreiras, xente da de abaixo, o que algúns unhas veces chamamos “pobo” e outras veces “proletariado”.

A comparativa con hai 25 anos resulta escandalosa. O Deportivo é unha fonte xeradora de emprego e riqueza para A Coruña. Riqueza e emprego que chega, en menor ou maior grao, a numerosas familias da cidade e contorna.

Grazas ao medre do Club e aos seus éxitos deportivos, hoxe das cores branquiazuis viven directamente na Coruña máis de trescentas persoas; desde xornalistas, a xardineiros, pasando por profesionais médicos, servizos de limpeza, mantemento, lavandería, infraestrutura, loxística... por non falar da importante parte do entramado de hostalaría, restauración e hotelaxe da Coruña que sufre e padece con cada derrota do Deportivo e alegra os seus resultados cando os de Riazor marcan un gol.

Por desgraza hai xente que segue ancorada en discursos, pretendidamente maximalistas, que o único que demostran é un descoñecimento total do mundo que nos rodea. Alguén tan pouco sospeitoso como Juan Carlos Izagirre, alcalde de Donostia pola coalición abertzale Bildu, manifestaba que para a actividade económica e promoción turística da súa cidade resultaba fundamental o polo de atracción que supuña o Kursaal ou o Festival Internacional de Cinema, pero que nada era comparábel o que supuxo a recente participación da Real Sociedad na Champions League; aí é nada!

"O esforzo porque todo canto beneficio ou oportunidade de negocio xerou o Club nos últimos 25 anos revertira en empresas da cidade, chegou a extremos case enfermizos"

Poderemos, eu o primeiro, criticar infinidade de aspectos na xestión do Deportivo, pero podo asegurar que o esforzo porque todo canto beneficio ou oportunidade de negocio xerou o Club nos últimos 25 anos revertira en empresas da cidade, chegou a extremos case enfermizos; tentando sempre que se unha empresa da Coruña podía encargarse das viaxes, a publicidade ou calqueira outra cuestión non fose a parar o cometido a calqueira das multinacionais que dominan o negocio futbolístico.

É inevitábel resaltar, nas propostas que está a desenvolver a candidatura de Augusto César Lendoiro un aspecto, sorpresivo para non poucos, incómodo para algúns e ilusionante para a amplisima maioría; a galeguización do Club.

Algúns dirán que por oportunismo e instinto de supervivencia, outros dirán que por lóxica de mercado e imaxe de marca, outros dirán por convicción. Eu digo que por algo do primeiro, moito do segundo e máis do que moitos pensan do terceiro. Pero o certo é que sin que ninguén tal agardase un dos puntos fundamentais dos que está a facer bandeira Augusto César Lendoiro na súa campaña é or relativo a afondar na vinculación do Deportivo cos valores e símbolos do noso país, a comezar polo idioma.

Xa se teñen dado pasos, moitos deles impensábeis hai uns anos nunha insitutución coma o Deportivo reflexo en grande medida da pulsión españolizadora de determinadas elites da cidade;

1.- A páxina web do Club está en galego, nun proceso gradual para toda a presenza cibernética do Club coordenado polo amigo Elisardo López Varela.

2.- A maioría da publicidade do Deportivo realizase en galego, combinando a presenza do noso idioma cunha renovación estética que busca achegarse á xente máis nova.

3.- O galego está presente por primeira vez, na nova rotulación e decoración publicitaria de Riazor.

4.- Bufandas, camisolas, sudadeiras, bandeiras... cada día máis material da tenda oficial do club emprega o galego.

5.- A megafonía de Riazor, da man de José Luís Núñez, fala galego!

"As propostas que está a desenvolver a candidatura de Augusto César Lendoiro un aspecto, sorpresivo para non poucos, incómodo para algúns e ilusionante para a amplisima maioría; a galeguización do Club".

Son cambios que a calquera nos poden parecer insuficientes, a min o primeiro, pero que van na dirección correcta, eu así o penso. Son perfectamente consciente de que para toda a xente, e somos moita, que conxugamos o amor ao Deportivo co amor ao noso país, hai un punto fulcral e determinante: a normalización do topónimo no nome do Club.

E cara eso camiñamos, sabendo os e as que somos accionistas da dificultade e perigo que conleva dar pasos en falso, pero conscientes de que avanzamos con paso firme cara ese obxectivo. A candidatura que encabeza Lendoiro ven de anunciar publicamente que:

1.- O galego será o idioma do Deportivo.

2- Crearase unha equipación oficial do Deportivo que será a bandeira galega.

3.- Comporase, con participación aberta e consenso xeral o Hino do Deportivo, que será, si, en galego.

4.- Afondarase, a nivel social, na vinculación e penetración a todos os niveis, do Club cas diversas comarcas da Galiza, o Deportivo non é só da Coruña, é do conxunto do país.

5- Considerando ao Deportivo o grande Club de Galiza, ten  que selo ainda máis; a cultura galega forma parte da imaxe de marca e do valor patrimonial do Deportivo; creando espazos de sinerxias e colaboración cos axentes culturais do país.

Podemos, como deportivistas e como galegos e galegas, optar por manter, grosso modo, dúas posturas diante dos cambios que se están a dar, e se poden seguir a dar no Deportivo:

1.- Minimizar os cambios dados e dubidar dos futuros. Atribuilos a unha extratexia de captación de apoios por parte de auténticos inimigos do país e abstraernos de participar nun hipotetico proceso de galeguización do Club porque non resposta de inicio a nosa demanda primeira e última; a normalización do topónimo.

"A candidatura que encabeza Lendoiro ven de anunciar publicamente que: 1.- O galego será o idioma do Deportivo. 2- Crearase unha equipación oficial do Deportivo que será a bandeira galega".

2.- Saudar os cambios producidos e alentar o éxito dos que veñan. Contribuir construtivamente; aportando ideas e gañando simpatías para a causa, aportando lóxica e argumentos, tamén empresariais e económicos, que sustenten a galeguización do Deportivo e facendo habituais usos da lingua que culminen ca súa normalización plena en todos os ámbitos do Club; tamén no seu nome.

Persoalmente son máis partidario da 2ª das opcións. Será talvez que sexa desa xente que prefire construir e avanzar, sumar e expandir a manter posicións numantinas que rematan por alonxarnos do mundo real. E no mundo real estamos, e no Deportivo real; nunha situación complexa e complicada, chea de matices e claroscuros, pero diante da cal o único que un non pode facer é evadirse, poñerse de perfil, absterse, evaporarse.

Son moitos anos de sentimento polo Deportivo, máis ou menos que os que poida ter calquera deportivista, pero seguro que ca mesma paixón. E esa paixón a que da man da razón, me leva como deportivista a tentar  perseverar na idea dun Deportivo pleno.

Temos entre todos e todas que preservar o Deportivo dos intereses espúreos que pretenden non máis  que negarlle a súa razón de ser como bandeira de unión de xente diversa, como institución libre ao servizo, dende o ámbito do Deporte, da Coruña e de Galiza, evitando a súa substistencia como unha institución libre e plural para que pase a ser unha peza máis na obscena engranaxe dun poder estabelecido dende a sombra da corrupción política, económica e empresarial máis lacerante.

Temos entre todos e todas que preservar o Deportivo como un equipo digno, que non é filial de ninguén, que vive por e para a súa masa social, que traballa a canteira e que quere seguir sendo o que é; o grande equipo de Galiza.

Vivo pensando que os convencionalismos estériles, as frases feitas, os razonamentos demagóxicos, os titulares da prensa, as chantaxes de mediopelo e as lóxicas irreflexivas foron inventadas para saltar por riba delas e darnos asi conta de que somos seres total e absolutamente libres;

Ser dos que gañan é moi fácil, ser do Deportivo parécenos mellor: Adiante Lendoiro.

Comentarios