Opinión

Aprendan a manipular

Entran as enquisas na campaña electoral


Entran as enquisas na campaña electoral, pretendidamente impregnadas dunha aura científica, rigurosa, aséptica e obxectiva, cando son, en opinión de xente moi dispar, unha arma máis na carreira ás urnas.

A ninguén se lle escapa que no actual escenario político os inquéritos, máis que para testar o estado de opinión da cidadanía, están concebidos para crear un estado de opinión na cidadanía, isto é, son mecanismos de orientación do voto. Mecanismos creados, financiados e executados por mass media mantidos e sostidos polo poder establecido, através de lobbys privados ou subvencións e publicidades públicas.

Unha enquisa cuns resultados sorprendentemente positivos para determinada forza positiva pode contribuír a crear unha onda positiva de simpatía e optimismo para esa candidatura. Unhas cifras próximas aos resultados teóricamente agardados poden axudar a mobilizar o voto dos simpatizantes desa opción. Pola contra, uns malos resultados, alonxados do apoio pretendido, poden constituír un duro pao ás aspiracións de dita opción electoral.

Algunha empresa xornalística purga a súa conciencia e expía os seus pecados nun alarde de ética periodística sen parangón ofrecendo maquillar o impacto do golpe en plena campaña a cambio dunha módica cantidade de cartos. Todo dentro dun ambiente de cordialidade e amabilidade, por suposto, sen documentación por medio, simplemente, de viva voz.

Tocanos á cidadanía asistir impávidos a esta alteración das máis básicas e elementares regras do xogo democrático sen un poder público que vele pola autenticidade e rigor dos estudos demoscópicos publicados. Chegados a este punto, o mínimo que podemos esixir é que nos manipulen como é debido, porque as veces, o de manipular as cifras ao gusto e antollo propio ten como consecuencia a máis grande das chapuzas, a máis pavera das meteduras de zoca.

O mínimo que podemos esixir é que nos manipulen como é debido, porque as veces, o de manipular as cifras ao gusto e antollo propio ten como consecuencia a máis grande das chapuzas

Nunha enquisa publicada recentemente por un importante rotativo a nivel galego, outórganselle na provincia de Lugo 2 deputados ao PP, un ao PSOE e outro á Marea-Podemos. Vexamos os datos de estimación de voto que a propia enquisa aporta: PP 44.0%, PSOE 19.2%, Marea-Podemos 14.5%, Ciudadanos 14.3%, NÓS – Candidatura Galega, por suposto, nin está nin se lle espera.

Pois ben, procedamos, cal Xunta Electoral, a repartir os 4 escanos lucenses nas Cortes, aplicando, loxicamente a Ley D’Hont. O primeiro escano en liza sería para o PP co 44.0%, o segundo tamén co 22.0%, o terceiro sería para os socialistas, co 19.2%. Até aí, todos e todas conformes, non si? E o cuarto? A enquisa atribúelle o cuarto á Marea… Por que? O PP ten un coeficiente de 14.66 para ese escano, mentras a marca galega de Pablo Iglesias ficaría co 14.5. Colle lapis e papel e fai a túa táboa, as matemáticas non fallan.

Parece clara a intencionalidade do rotativo de potenciar o voto para a candidatura da Complutense, incluso arrebatándolle representación aos chicos de Rajoy, atribuíndolle á Marea - Podemos capacidade de ter representación nunha provincia tan complicada coma Lugo, por riba incluso dos propios datos do inquérito, un estudo que, reitero, casualmente, obvia a NÓS – Candidatura Galega. Cousas de mover cifras arriba e abaixo.

Aprendan a manipular.
 

Comentarios