Opinión

Sectarios

Durante case tres décadas pertencín a unha seita. Ao principio foi difícil adaptarme. Sorprendeume que os iniciados fósemos simplemente "cachos de carne con ollos que non teñen dereito a nada", como nos definiu un dos pastores nunhas xornadas de convivencia. Pero non tiña por que dubidar da súa palabra. Co tempo chegariamos a ser superiores ao resto da sociedade, pois a nosa función dentro dela estaba por riba do resto dos mortais, cuxos oficios eran mediocres en comparación cos nosos. Eramos os escollidos. Pouco a  pouco funme integrando ata ser un membro recoñecido entre eles. Incluso subín un pequeno chanzo no sistema da Institución. Sentíame ben, realizado como persoa e plenamente integrado na seita. Iso non duraría moito. Caín en desgraza ao unirme a unha corrente interna que nos reivindicaba como algo máis que números. Eramos persoas con plenos dereitos, como o resto da sociedade. Eramos parte da sociedade, nin máis nin menos.

Foron tempos duros. Comezamos a denunciar os abusos que se estaban a cometer. Clérigos que utilizaban medios materiais e persoais da organización para beneficio e desfrute propio. Accidentes por neglixencia, algúns con falecidos, que non eran investigados. Incluso ocultados, porque as súas normas internas están por riba da xustiza común. O seu poder incluso lles permitiu enviar os corpos dos falecidos ás súas familias 'ao chou'. Comezou a represión por parte da Institución. Privacións de liberdade (poden facelo sen ser autoridade xudicial) e expulsións. Eu deixei a congregación hai tempo e creo que estou totalmente integrado na sociedade. Pero hai uns días topei cun antigo adepto co que convivín durante anos nunha unidade (así chaman ós módulos da seita). Ían celebrar o aniversario desa unidade e invitoume. Habería actos para lembrar os compañeiros falecidos e unha comida de irmandade. Ao principio dubidei, tiven medo que me volvesen a arrastrar outra vez.

Pero puideron máis as gañas de  ver de novo a compañeiros de había tantos anos. Xente coa que compartín moitos momentos, algúns deles moi duros. Aceptei sen sequera consultarllo ao psiquiatra. Así foi que me incluíron nun grupo de WhatsApp para estar ao tanto do evento que decorrerá neste mes de setembro. No foro houbo benvidas e efusivos saúdos por parte dos discípulos máis achegados. Unhas horas máis tarde chamoume un sumo sacerdote. Era para dicirme que eu xa non era a mesma persoa de antes. Que cambiara moito, e ademais para peor. Que escollera un camiño equivocado na miña vida e que non sería ben recibido nos actos.

Marchaches... xa non formas parte deste grupo

PD: O 17 de setembro de 2022 a dotación de quilla do Buque de Aprovisionamento e Combate "Patiño" da Armada Española celebrará o seu XXV aniversario. Parabéns.

Comentarios