Opinión

Proposta de Puntos Básicos para Sermos Maioría

Vivimos un deses momentos na que a historia se acelera, no que nun curto período de tempo pasan moitas cousas, e no que se definen moitas das características da realidade social e política que teremos en anos vindeiros. 

Vivimos un deses momentos na que a historia se acelera, no que nun curto período de tempo pasan moitas cousas, e no que se definen moitas das características da realidade social e política que teremos en anos vindeiros. O momento actual está caracterizado por unha masiva posta en cuestión do sistema político creado na transición: amplos sectores da poboación rexeitan o modelo bipartidista PP-PSOE, a monarquía borbónica, as políticas neoliberais que está impoñendo o PP, e a corrupción rampante en moitas institucións públicas. Ademais, nalgunhas das nacións que constitúen o actual estado español, cuestionase a “indisolúbel unidade da patria española”, herdanza do franquismo, e amplos sectores sociais esixen o seu dereito a decidir democraticamente sobre o seu futuro nacional. 

"Estamos nun momento no que son especialmente importantes a altura de miras e a ausencia de sectarismo. Atrevémonos a facer a seguinte Proposta de Puntos Básicos para a concreción do expresado no manifesto “Somos Maioría”, para o seu debate nas asembleas locais" 

Como un dos elementos máis característicos da nova cultura política que agroma ao calor das mobilizacións sociais contra a crise, semella evidente que cada vez hai máis xente que esixe ter capacidade real de decidir sobre todos os problemas que lle afectan, dun xeito directo e coas menos delegacións posíbeis polo medio, nunha concepción da democracia que supera claramente a concepción do cidadán como mero elector cada X anos, e que semella ter topado na tecnoloxía, na informática, un importante aliado. Deste xeito, a esixencia de empoderamento é o aspecto máis característico do novo que está agromando, e non semella que se trate de algo pasaxeiro senón que ven para ficar con vistas ao futuro: e cada vez son máis os afiliados de base, os simpatizantes, e os votantes das organizacións políticas que reclaman poder participar, directamente e sen delegacións intermedias, na elección tanto dos dirixentes desas organizacións, como dos candidatos que presentan ás eleccións; e cada vez son máis os cidadáns que defenden que iso está ben e debe ser así, ao tempo que esixen poder participar, directamente e sen intermediarios, na toma de decisións sobre os problemas que lles afectan, sobre o dereito ao aborto, sobre o modelo de estado decidindo entre monarquía e república, sobre os vínculos entre a súa nación e as outras nacións do estado ou do mundo, sobre os tratados europeos de libre comercio, .... O máis característico da situación política actual e a plena vixencia do apelo de Zeca Afonso cando defendía que o que fai falta é escoitar e dar poder á xente: “o que que faz falta é dar poder à malta”. 

En xullo deste ano unha fato de cidadáns promovemos o manifesto “Somos Maioría” que, até o momento actual acadou o apoio de máis de 1.100 cidadáns. Por outra banda, nestes días están a celebrarse asembleas abertas nalgúns concellos do País, a iniciativa das persoas da localidade que asinaron o manifesto, para ir avanzando na súa concreción. 

A reforma electoral que o PP teima en levar adiante, un auténtico pucheirazo que pretende redefinir a democracia desde o goberno da maioría ao goberno “dos gañadores”, deixa ben ás claras que que estamos nun momento no que son especialmente importantes a altura de miras e a ausencia de sectarismo. Nesta situación, as persoas que asinamos este texto, a título estritamente  individual, atrevémonos a facer a seguinte Proposta de Puntos Básicos para a concreción do expresado no manifesto “Somos Maioría”, para o seu debate nas asembleas locais abertas que se van celebrar nas próximas semanas

"Candidaturas que defenderán que a nación dos galegos e as galegas ten dereito a decidir sobre o seu futuro como pobo"

1) Candidaturas para gañar as eleccións municipais, acadar a maioría nos concellos e gobernalos ao servizo da cidadanía dun xeito democrático e participativo, e que se marcan como obxectivo fundamental desaloxar a corrupción dos concellos e poñelos ao servizo do pobo e do País. Candidaturas que apoiarán orzamentos participativos e cidades sostíbeis e saudábeis.

2) Candidaturas comprometidas coa defensa dos intereses das clases traballadoras e das maiorías sociais fronte ás políticas neoliberais, fronte ao capitalismo depredador, fronte ao sistema político bipartidarista nacido na transición e no que ese capitalismo basea a súa dominación e, fundamentalmente, contra as regresivas políticas sociais que está aplicando o goberno do PP. 

3) Candidaturas que defenderán que os galegos e as galegas temos o dereito a decidir sobre a utilización dos nosos recursos económicos e que defenderán a nosa cultura e o uso da nosa lingua nacional, comprometéndose ao seu uso cotián. Candidaturas que defenderán que a nación dos galegos e as galegas ten dereito a decidir sobre o seu futuro como pobo e sobre os vínculos que Galiza manterá con outros pobos do estado, de Europa e do mundo. 

4) Candidaturas que defenderán que o dereito a decidir da xente do común é un dereito democrático básico o que, entre outras concrecións, supón que reclamarán o dereito a que os e as cidadáns poidamos decidir sobre a forma do estado, defendendo a República como alternativa a actual monarquía totalmente comprometida co réxime político actual. 

"Candidaturas cidadáns de unidade que non queren substituír aos partidos políticos, e que queren agrupar, sumando, a persoas e organizacións políticas (BNG, ANOVA, EU, Podemos, ...) comprometidas coa democracia, co dereito a decidir, e que rexeitan o actual sistema político bipartidarista"

5) Candidaturas cidadáns de unidade que non queren substituír aos partidos políticos, e que queren agrupar, sumando, a persoas e organizacións políticas (BNG, ANOVA, EU, Podemos, ...) comprometidas coa democracia, co dereito a decidir, e que rexeitan o actual sistema político bipartidarista. Candidaturas que estarán integradas, tanto por cidadáns independentes sen adscrición política definida, como por cidadáns pertencentes ás organizacións políticas e sociais que aposten por estas candidaturas. 

6) Candidaturas que procuran o protagonismo directo da cidadanía e elixirán aos seus candidatos e candidatas en cada localidade mediante un proceso de primarias con listas abertas, nas que poderán participar todas as persoas que partillen uns puntos mínimos e se inscriban no censo que se creará con ese obxectivo. Candidaturas elixidas mediante un sistema electoral de primarias que garante a súa pluralidade interna e proporcionalidade. 

7) Candidaturas conscientes de que a unidade ten que facerse mediante o respecto á identidade de cada quen, polo que respectarán o dereito a que os candidatos pertencentes a organizacións políticas aparezan como tais nas papeletas de votación.

8) Candidaturas cidadáns que  partillarán os elementos claves do seu programa e denominación electoral, e que se coordinarán a nivel provincial e galego, conscientes de que non se lles pode ceder o goberno das deputacións aos partidos sistémicos. 


Ademais de Francisco L. Vázquez Vizoso. asinan este artigo Manuel Gonzalez Moreira. e Ramón Veras Castro.(médicos, nacionalistas, e activistas na defensa da sanidade pública)

Comentarios