Opinión

Sobre os Plans de pensións privados (e II)

Opinión

Sobre os Plans de pensións privados (e II)

Texto escrito por Gonzalo Balo Mosquera e Francisco L. Vázquez Vizoso, Membros do Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen)


Para obrigar as traballadoras e traballadores a subscribir plans privados de capitalización, proponse que na negociación colectiva se detraia unha parte do salario para financiar plans de pensións privados de empresa, que será entregada ás entidades xestoras, quer dicir, bancos, compañías de seguros, e fondos de investimento. Así unha parte da masa salarial non irá nin aos salarios, nin á Tesourería Xeral da Seguridade Social, senón que alimentará a especulación e as comisións das entidades financeiras. 

A aprobación das desgravacións fiscais que se incluirán nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, marcarán a posta en marcha xeneralizada deses plans de pensións privadas de empresa, que afondará na división das traballadoras e traballadores entre un pequeno grupo de altos salarios que, beneficiándose desas desgravacións, acumulará un importante capital para a xubilación, e unha maioría que percibirá unha pensión pública progresivamente reducida e unha miserábel prestación de capitalización. 
José Luis Escrivá, o ministro da Seguridade Social, lidera moi activamente esta ofensiva reaccionaria contra o sistema público de pensións. Hai algo máis de un mes, nunha xornada organizada por Ibercaja declarou: (1) que creará un “macrofondo de promoción pública e xestión privada”, (2) que en breve prazo máis de 9 millóns de traballadoras e traballadores deberán estar asociados aos fondos de capitalización; e (3) que vai “lexislar moi rápido” para facelo realidade.

Se a grande estafa da Gran Crise Financeira foi a privatización das Caixas de Aforro, a grande estafa da Pandemia da Covid-19 será a privatización da protección social para a vellez. Ese é o agasallo que Escrivá lles quere entregar aos bancos aproveitándose da desmobilización producida polo coronavirus.

Chamamos aos partidos políticos que defenden o sistema público de pensións a que presenten emendas contra as desgravacións fiscais a favor dos plans privados de pensións, sexan individuais ou de empresa. Agradecémoslle a forzas políticas como o BNG, ERC, EH-Bildu e as CUP que non apoiaran co seu voto as recomendacións do Pacto de Toledo, e esperamos que manteñan a mesma posición no futuro. Solicitámoslle a Unidas Podemos que rectifique o seu voto positivo ás recomendacións do Pacto de Toledo, e que vote contra as desgravacións aos plans de pensións de empresa, cando se pretendan aprobar no parlamento español. E pedímoslles ás parlamentarias e parlamentarios do PSOE que non cedan diante da asa neoliberal do Goberno liderada por Calviño e Escrivá, e sexan leais aos principios socialdemócratas que afirman defender, negándose a abrir a porta á privatización das pensións.

A grande estafa da Pandemia da Covid-19 será a privatización da protección social para a vellez

Por outra banda, é necesario tamén que as traballadoras e traballadores afiliados a CCOO e UXT esixan das súas direccións unha rectificación inmediata do seu apoio aos Plans de Pensións Privados de Empresa, e deixen de aceptar a rotura do sistema de pensións de reparto na Mesa de Diálogo Social que comparten co Goberno e as patronais CEOE e Cepyme. Todos os sindicatos de clase que coxestionan fondos de pensións privados de empresa, deberían ser coherentes e renunciar a facelo, malia que lles poida supoñer renunciar aos substanciais beneficios económicos que hoxe obteñen por esa coxestión.

O actual sistema de pensións de reparto é unha conquista da civilización humana. Seguiremos mobilizándonos na súa defensa, porque goberne quen goberne as pensións públicas deféndense!

Referencias
— O Modepen e as Recomendacións do Pacto de Toledo. 29 de outubro de 2020. Accesíbel en http://www.modepen.org/wp-content/uploads/2020/12/201029_O-MODEPEN-e-o-Pacto-de-Toledo.pdf 
—Xabier Pérez Davila. Os Plans de Pensións de Empresa: análise da Recomendación 16 do Pacto de Toledo. 12 de decembro de 2020. Accesíbel en http://www.modepen.org/wp-content/uploads/2020/12/Plans-de-empresa_XPD_16P_final.pdf 
 

comentarios