Opinión

Sobre os Plans de pensións privados (I)

Opinión

Sobre os Plans de pensións privados (I)

Texto escrito por Gonzalo Balo Mosquera e Francisco L. Vázquez Vizoso, Membros do Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen)

As importantes mobilizacións que as persoas pensionistas protagonizamos sobre todo en 2019, mais tamén en 2020 malia a pandemia, conseguiu mudar os termos do debate público sobre as pensións, e supuxo o agromar dun novo e potente movemento social na Galiza e en todo o Estado. 

O movemento social dos pensionistas veu para ficar e, aos poucos, vai consolidándose e clarificando as súas reivindicacións. Do rexeitamento inicial da proposta de incrementar as pensións só nun 0,25% sen ter en conta o incremento do IPC, o movemento foi quen de ampliar os seus obxectivos á defensa global do actual sistema público de pensións e ao rexeitamento rotundo dos intentos de privatizalo. Por outra banda, a pandemia da Covid-19, coas súas tristes consecuencias nas residencias, fixo aboiar a terríbel realidade do sistema de dependencia que existe na actualidade en Galiza e no conxunto do Estado, un sistema caracterizado pola súa forte demanda e dificultade de acceso, a súa enorme privatización, e por ter uns prezos carísimos para os usuarios. As e os pensionistas galegos, xunto cos familiares das persoas usurarias das residencias e as traballadoras destas, estivemos comprometidos na loita pola mellora das condicións dos usuarios dos servizos de dependencia, e fixemos noso e reivindicamos con forza a necesidade de construír un sistema de servizos sociais para os maiores e dependentes que sexa 100% público. 

As mobilizacións en defensa das pensións públicas está conseguindo poñer en cuestión o relato neoliberal sobre as pensións, que persegue basicamente precarizalas co obxectivo central de privatizalas. 

As importantes mobilizacións dos e das pensionistas mudaron os termos do debate público sobre as pensións e conseguiron que algunhas das nosas reivindicacións figuren recollidas nas chamadas Recomendacións do Pacto de Toledo, que o pleno do Congreso dos Deputados aprobou o pasado 19 de novembro. 

As Recomendacións teñen algúns aspectos positivos: que os denominados “gastos impropios da Seguridade Social” (fomento do emprego, prestacións non contributivas, subvencións a réximes especiais) pasen a ser sufragados polos Orzamentos Xerais do Estado; o compromiso de manter un sistema de pensións “de reparto” baseado na solidariedade entre xeracións; a promesa de que as pensións subirán co IPC; así como o recoñecemento da discriminación económica das mulleres.

Mais, xunto a estes aspectos positivos, mantéñense decisivos elementos negativos: non se derrogou o Factor de Sostibilidade que entrará en vigor a máis tardar o 1 de xaneiro de 2023 e que permite reducir a contía das pensións iniciais en función da esperanza de vida; tampouco se modificou a Lei Xeral da Seguridade Social para garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante subas iguais ao IPC real; non se garante constitucionalmente o financiamento do gasto en pensións; mantense a idade de xubilación aos 67 anos; non se derrogan as reformas das pensións aprobadas en 2011 e 2013, nin as reformas laborais de 2010 e 2012; e tampouco se estabelece unha contía da pensión mínima igual ao SMI de 950 euros, até chegar ao 60% do salario medio, como recolle a Carta Social Europea; non se di nada sobre a evidencia de que “fondo de pensións” foi baleirado ao servizo de obxectivos que nada tiñan que ver coas pensións e non se fala da súa recuperación.

Mais, sen dúbida, a gran novidade negativa é a Recomendación número 16, que persegue introducir os denominados Plans de Pensións Privados de Empresa.
A Recomendación número 16 do Pacto de Toledo 2020, ten por título “Sistemas Complementarios”, e afirma literalmente: 

“A Comisión subliña a necesidade de promover, de xeito preferente, os sistemas apoiados na negociación colectiva, de emprego... a estas entidades deberíaselles proporcionar un réxime fiscal... adecuado... mellorando o actual”. 

A aplicación desta Recomendación 16 iniciará o proceso de privatización das pensións públicas. Como analiza nun recente informe elaborado polo economista Xabier Pérez Davila, o que se persegue é a substitución do actual sistema de reparto e solidariedade entre xeracións, por un novo sistema mixto no que a parte de capitalización irá gañando peso paulatinamente.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios