Opinión

De novo a voltas co porto

Aprincipal nova da política municipal na Coruña foi, nos últimos tempos, a aprobación  polo Pleno do Concello, coa abstención do PP e o PSOE, dunha moción do BNG que instaba o Goberno Municipal a non incluír nengunha partida destinada á adquisición dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería nos Orzamentos da administración local para 2022.

Axiña Xunta de Galiza e Autoridade Portuaria lanzáronse a pedir explicacións ao Concello, mentres que o Goberno municipal  rendía contas da súa abstención sen aclarar o fondo da cuestión.

Como dixemos no debate plenario, preocúpanos a débeda do porto, motivada pola construción do porto exterior. Somos conscientes de que hai que afrontar este problema para non ameazar a viabilidade dun porto que foi, e debe continuar a ser, un motor da nosa cidade.
Mais a  construción do Porto Exterior foi unha decisión de Estado, publicitada polo Goberno Aznar como unha compensación a Galiza polo desastre do Prestige. Por iso, o  Estado ten que asumir a súa responsabilidade. Non lle compete ao Concello da Coruña asumir o pagamento, pola porta de atrás, da débeda xerada pola súa construción.

O que si lle compete ao Concello é esixir igualdade de trato. O Estado condonou a débeda do porto de València e os portos de titularidade estatal de Almería e Pasaia van ceder, para uso público, terreos e equipamentos, sen que a operación represente un custo para esas cidades.
De resto, é importante non perdermos de vista que o Estado condonou a débeda de València porque a Generalitat valenciá negociou e exerceu presión política –algo que en absoluto fixo a Xunta que preside Feixoo- esixindo a liquidación do débito, o seu perdón, en troca de dar o visto bon á repartición dos obxectivos de déficit entre administracións. Basta compararmos a actitude da Generalitat valenciá co desleixo e pasividade da Xunta para tirarmos conclusións sobre as responsabilidades de cada quen na xestión deste asunto.

En todo caso, e dado que o Estado pon como desculpa de mal pagador que a débeda de València non se condonou directamente ao porto, senón a un consorcio de que formaba parte a propia Administración Xeral do Estado, tamén lle compete ao Concello da Coruña ter un papel de liderado impulsando a constitución dun consorcio, coa participación das distintas administracións, para acometer a transformación dos terreos do porto interior.

A ordenación do bordo litoral e a condonación da débeda do Porto son elementos clave en calquera deseño da Coruña do futuro.  Nisto é no que ten que centrar os esforzos o Concello e non en comprometer recursos para a adquisición duns peiraos que xa son públicos, no canto de os asignar a atender cuestións prioritarias que si dependen do seu ámbito competencial. Cuestións prioritarias como, por exemplo, a revitalización e rexeneración dos barrios da cidade, tan necesitados de atención, de seren o auténtico centro das políticas públicas na Coruña.

Comentarios