Opinión

A xente non importa

En Siria, o último que preocupa é a xente. Están a piques de matarse ben matados -de feito, xa empezaron- e as consecuencias do cataclismo poden ser inimaxinables. Ou máis ben: si que as imaxino. Memoria sobrada temos do que sempre pasa nas guerras (pagan os humildes, morren os pobres, quedan mutilados os febles). 

En Siria, o último que preocupa é a xente. Están a piques de matarse ben matados -de feito, xa empezaron- e as consecuencias do cataclismo poden ser inimaxinables. Ou máis ben: si que as imaxino. Memoria sobrada temos do que sempre pasa nas guerras (pagan os humildes, morren os pobres, quedan mutilados os febles). E aínda que a preocupación esencial das potencias mundiais debería de ser evitar a perda dunha soa vida (e xa van unhas cantas) o que observamos é que, como ven acontecendo dende que existen iso que se chaman os países (construto teórico en moitos casos argallado polos poderosos para que a quen mandan morrer teña unha certa idea de por quen, na teoría, morre, e quede así lexitimado -por Deus pola patria polo Rei) o conflito analízase non en función do sufrimento que hai que evitar, non en función das vidas que hai que salvar, non en función dos nenos e nenas que, entre outra moita xente, vai morrer...senón en función dos intereses clarísimos dos grandes lobbies empresariais que son, a fin de contas, quen gobernan todo. Absolutamente todo.

"Os pobres individuos, dun e doutro bando, que berran dunha beira ou doutra da trincheira, coidan, na súa ignorancia manipulada, que van á batalla a defender ao seu país, ou unha causa xusta, ou un futuro para os seus fillos e fillas".

Os pobres individuos, dun e doutro bando, que berran dunha beira ou doutra da trincheira, coidan, na súa ignorancia manipulada, que van á batalla a defender ao seu país, ou unha causa xusta, ou un futuro para os seus fillos e fillas. É máis que probable que no corazón de moitas e de moitos habite algunha idea desas características. Mais o que non saben, e é unha verdade máis que contrastada pola historia (e vendo estes días o que se di nos medios de comunicación non hai dúbidas) é que ao final quen tomará a decisión derradeira sobre se isto se soluciona de boas ou a hostias vai ser o diñeiro, o capital, as estratexias claras de poder económico que, insisto, son os que gobernan estas democracias aparentes nas que vivimos. Se esas macroempresas que son as que ditaminan os movementos xeoestratéxicos o queren, haberá guerra, morrerá xente, haberá dor. Se elas non queren (é dicir, se non lles compensa que se monte adediós) non pasará nada.

"Os xenerais que guían os exércitos cotizan en bolsa, esnifan coca en Wal Street e comercian coa vida e a morte de millóns de seres humanos".

A realidade é moitas veces tristeira porque quen dirixe o fai cun criterio militar. Explícome: dende que era moi pequeno tiven claro que para o xeneral que guía os exércitos, os soldados son pezas dun gran taboleiro de axedrez. Non son Francisco ou Pepe ou Xoán. Son cousas. E o xeneral que guía os exércitos bota contas e decide que non lle importa que lle morran tres mil soldados (Franciscos, Pepes, Xoáns) se se consigue a praza, a cidade, a aldea. Os obxectivos son os que son e a xente non existe.

Agora, os xenerais que guían os exércitos cotizan en bolsa, esnifan coca en Wal Street e comercian coa vida e a morte de millóns de seres humanos. E son sempre os mesmos e para todas as cousas. Os mesmos que especulan co prezo dos alimentos básicos aínda que iso provoque mortes. Os mesmos que sosteñen ditadores, se cargan a lei de Xustiza Universal ou potencian unhas investigacións ou outras para gañar a carreira dos fármacos.

A xente non importa.

Ou, cando menos, a esta xente, non lles importamos nada de nada.

Comentarios