Opinión

Unha universidade ao nove por cento

O Rector da Universidade de Vigo renovou o seu mandato nunhas eleccións nas que non tivo rival (daquela non houbo posibilidades de comparar) e, isto é do que quero falar,na que só exerceu o seu dereito ao voto o nove por cento dos que podían participar. Dato preocupante e que deixa claro o divorcio existente entre a xente nova, en fin, entre a xente en xeral, e a política (e a vida cultural, académica, social, comunitaria... e seguide vós poñendo aquí todo o que se vos ocorra que seguro que acertades).

O Rector da Universidade de Vigo renovou o seu mandato nunhas eleccións nas que non tivo rival (daquela non houbo posibilidades de comparar) e, isto é do que quero falar,na que só exerceu o seu dereito ao voto o nove por cento dos que podían participar. Dato preocupante e que deixa claro o divorcio existente entre a xente nova, en fin, entre a xente en xeral, e a política (e a vida cultural, académica, social, comunitaria... e seguide vós poñendo aquí todo o que se vos ocorra que seguro que acertades).

"Cheguei á Universidade de Santiago e alí a política andaba por todas as partes, nas aulas, dende logo, pero tamén nos corredores ou nas cafeterías, confirmándose así a miña intuición".

Eu medrei enchoupado do romanticismo político da loita dos estudantes e obreiros contra da ditadura franquista. Sendo neno de moi poucos anos escoitaba e sabía de memoria o disco de Paco Ibañez no Olimpia de París e o que me enfeitizaba daqueles dous casetes e non sei por que, o que me emocionaba, eran os berros do público (logo, ao medrar, souben que eran exiliados felices de que por fin alguén lles contase e cantase do que necesitaban alimentar o corazón) cada vez que se refería o cantante á liberdade, ou se falaba de "botalos ao mar". Ao tempo, o meu barrio obreiro de Teis enchíase de octavillas e pintadas de apoio ás folgas do 72 e que falaban da solidariedade dos estudantes.

Nesa tesitura cheguei a un instituto da Guía moi politizado onde as siglas da ERGA e doutros comités revolucionarios de estudantes ocupaban todo. En plena transición, a miña cabeciña adolescente foise enchendo de información e, dende logo que si, tamén de mitoloxía liberadora que me fixo entender que, como se repetía por todas partes, o estudantado era, que tiña que ser, o Motor de Cambio. Logo, cheguei á Universidade de Santiago e alí a política andaba por todas as partes, nas aulas, dende logo, pero tamén nos corredores ou nas cafeterías, confirmándose así a miña intuición.

"O topicazo, entendido xa polo peso dos anos que a mocidade non é motor de cambio (agora vai en minúsculas, claro que si) di que se eles non cambian o estado das cousas que ninguén vai poder facelo". 

Hoxe, as cousas son diferentes e non chega ao nove por cento a participación nunha votación para un asunto tan importante como é a elección dun Rector. E esta vai ser unha das poucas veces que ides escoitarme dicir iso de que as cousas antes estaban un chisco mellor. Pois que a xente da universidade non participe, que, de feito, non teña o máis mínimo interese nin en participar nin en saber das cousas que pasan a derterminados niveis e sobre asuntos que teñen moito que ver co goberno das súas vidas, estou seguro de que é unha moi mala nova. Porque o desinterese é aceptación. Como sempre lles dicía aos adolescentes cando eu era profesor e non lles quedaba outra que aturarme, se non participades, estades dicindo que si a todo, que vos vale o que outros decidan, que estades conformes. Non é certo, dicíalles, que pasedes da política. Formalmente si. De feito, este artigo é un choro amargo por iso. Pero iso é algo que só acontece na forma porque, no fondo, "pasar da política" é unha maneira de facer política.

O topicazo, entendido xa polo peso dos anos que a mocidade non é motor de cambio (agora vai en minúsculas, claro que si) di que se eles non cambian o estado das cousas que ninguén vai poder facelo. Sen embargo, semella que están a outras cousas. E non os culpo. Como dixen hai nada, os que estamos por enriba deles, na política, na cultura, nos centros de poder, etc,. conseguimos convencelos de que é imposible calquera cambio, que non hai máis que o que hai, e que tentar calquera transformación é inútil porque, como nos di a Termodinámica, en realidade todo queda igual para sempre por moita transformación aparente que sexa (ou quizais o que di a Termodinámina é xusto o contrario, tanto ten).
Habería que ver a maneira de activalos e de traelos para a política. Quizais non para a política que hai.

Pero si para a política no senso máis grego do termo.

E daquela igual si que se convertían en Motor de Algo.

Comentarios