Opinión

Relativizar todo agás a emoción

O pasado mércores, Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), entidade que teño a honra de presidir, celebrou un fermoso acto no IES Illa de Tambo, de Marín, para nomear á escritora Fina Casalderrey, Socia de Honra da nosa institución. Un brillantísimo Agustín Fernández Paz, un dos nosos fundadores e que recibiu este galardón o ano pasado, deixounos un sentido discurso explicando os moitos merecementos da nosa escritora para recibir a distinción.

O pasado mércores, Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), entidade que teño a honra de presidir, celebrou un fermoso acto no IES Illa de Tambo, de Marín, para nomear á escritora Fina Casalderrey, Socia de Honra da nosa institución. Un brillantísimo Agustín Fernández Paz, un dos nosos fundadores e que recibiu este galardón o ano pasado, deixounos un sentido discurso explicando os moitos merecementos da nosa escritora para recibir a distinción. Como el dixo, "teriamos que contratar un servizo de cáterin para botar aquí todo o día e non dariamos acabado se quixeramos contar todos os seus méritos". Houbo discursos, agasallos, música e, sobre todo, emoción.

"A rapaza dixo: "non hai semana na que o teu nome non resoe entre estas paredes". Vimos brillar os ollos de Fina e os nosos e os de toda a rapazada feliz de compartir con ela aquel momento".

E iso é o que quero contar agora e aquí.

O da emoción.

O acto celebrámolo, a mantenta, no instituto no que Fina pasou os seus derradeiros dez anos como docente. Un centro educativo que deixou fonda pegada nela e, sobre todo, un centro educativo no que Fina Casalderrey deixou fonda pegada. Non había máis que ver as olladas dos alumnos e as alumnas que tiveron a fortuna de recibir as súas aulas, felices e emocionados canda a súa mestra. Un rapaz e unha rapaza subiron ao escenario para falar, en nome de todos, do que ela significara para eles cando alí traballaba. A rapaza dixo: "non hai semana na que o teu nome non resoe entre estas paredes". Vimos brillar os ollos de Fina e os nosos e os de toda a rapazada feliz de compartir con ela aquel momento.
De todo o alí comentado, hai unha frase de Fina Casalderrey que espero levar sempre comigo. É unha desas cousas que un xa sabe pero que convén escoitar de cando en vez para traelas á memoria e non perder a perspectiva correcta das cousas. Dixo a nosa escritora que xa ten idade dabondo como para relativizalo todo...agás o que ten que ver cos afectos.

"Dixo a nosa escritora que xa ten idade dabondo como para relativizalo todo...agás o que ten que ver cos afectos".

E leva toda a razón. Ás veces afogamos nas liortas diarias, tendemos a pensar que todo é importante, transcendente, absoluto, definitivo, total. E non é para tanto. Case que nunca é para tanto. As cousas do día a día, os atafegos que nos ennegrecen a realidade, case que nunca deberían de ser tan importantes como as facemos.

Quedo con esa frase.

Relativizar todo agás a emoción.

Porque, a fin de contas, como tamén dixo Agustín Fernández Paz nun seu fermoso libro, "o único que queda é o amor".

Comentarios