Opinión

Pasou o 14 de abril e nada pasou

Pasou o 14 de abril, o Día da República, e non se lle prestou nin a décima parte da atención mediática que ao 75 aniversario da fin da Guerra Civil (esa que di Rouco Varela que pode volver), a pesar de que a fin desa guerra supuxo tamén a morte oficial dun réxime político legalmente establecido e, aínda a día de hoxe, non restaurado

Pasou o 14 de abril, o Día da República, e non se lle prestou nin a décima parte da atención mediática que ao 75 aniversario da fin da Guerra Civil (esa que di Rouco Varela que pode volver), a pesar de que a fin desa guerra supuxo tamén a morte oficial dun réxime político legalmente establecido e, aínda a día de hoxe, non restaurado. E alguén podería dicir que iso é pola lóxica cartesiana absurda dos díxitos e todo iso, que 75 é un número redondo, mais ben sabedes que non, que o ano que vén fará 76 anos dunha cousa e o mesmo da fin da República e volverá a falarse máis dunha cousa que da outra.

"Ninguén, ou moi pouca xente, abriu a boca para dicir que o réxime político actual é froito da decisión dun ditador" 

E si, pasou o 14 de abril e, tanto tempo despois, e a pesar de que en teoría xa todo está superado (a pesar de Rouco Varela e do PP que deixa sen fondos a Lei de Memoria Histórica inutilizándoa así na práctica, ou do PSOE, que se esqueceu de que son aínda estaturiamente un partido republicano), a pesar, dicía, que na teoría xa todo está superado, o certo é que ninguén, ou moi pouca xente, abriu a boca para dicir que o réxime político actual é froito da decisión dun ditador que se alzou en armas e brutalidade contra da república da que falamos e que, xa que logo, igual era tempo de volverlle á historia o seu dereito a estar onde debe estar. Porque a Segunda República Española foi froito dunha libre decisión dun pobo soberano que, nun acto de modernidade, acabou coa Monarquía. Logo, as armas, e as sotanas, acabaron con ela. Pasou o día e diso moi pouco se falou.

"Quitáronlle o aguilucho, pero deixaron un escudo real. Así que a inxustiza histórica continúa".

Pasou o 14 de abril e non se nos insistiu moito en que a bandeira do estado español (en fin, isto dígoo por seguir argumentando en favor da xustiza histórica, a min iso das bandeiras, incluso a galega, dáme un chisco igual), dicía, pasou o día e ninguén insistiu en lembrar que a bandeira que se fixo oficial logo da contenda e así ata o presente, foi a bandeira que decidiu o réxime ditatorial fascista franquista triunfante durante 40 anos e, en boa lóxica, o normal sería que rematado o réxime do terror, o símbolo volvese ser cal era. Por iso de restaurar as cousas, e, sobre todo, por iso de non perpetuar a ignonimia. Quitáronlle o aguilucho, pero deixaron un escudo real. Así que a inxustiza histórica continúa.

E si, pasou o Día da República e no estado español constitucionalmente segue habendo un rei. E logo haberá outro (non unha raíña, a pesar de ter dúas irmás por riba o herdeiro: as mulleres non están constitucionalmente autorizadas para ser Xefas do Estado; só poden selo no hipotético caso de que non haxa un pene por diante na liña sucesoria).

Rematamos: que pasou o 14 de abril. Como antes o 13 e despois o 15.
E Non Pasou Nada De Nada.
Por desgraza.

Comentarios