Opinión

Un 25 de xullo para reivindicar obviedades

Onte foi 25 de xullo e pasou o Día da Matria ou da Patria ou, para algúns que non queren andarse con leas de paternidade-maternidade, o Día de Galicia. Coma sempre e como cada ano, os xornais escritos sacaron a primeira páxina en galego, suliñando máis aínda, así, a súa falla de compromiso porque, ademais de que o interior estaba coma sempre, é dicir, en castellano, non hai nada mellor para desactivar algo que ritualizalo, sacalo en procesión, exhibilo coma un santo ou unha reliquia... pero só unha vez ao ano. 

Onte foi 25 de xullo e pasou o Día da Matria ou da Patria ou, para algúns que non queren andarse con leas de paternidade-maternidade, o Día de Galicia. Coma sempre e como cada ano, os xornais escritos sacaron a primeira páxina en galego, suliñando máis aínda, así, a súa falla de compromiso porque, ademais de que o interior estaba coma sempre, é dicir, en castellano, non hai nada mellor para desactivar algo que ritualizalo, sacalo en procesión, exhibilo coma un santo ou unha reliquia... pero só unha vez ao ano. Para que se entenda que non é importante. Que non vale, en realidade, para nada. Como moito para facer unha festa. Para escoitar a Julio Iglesias cantando a Galicia. Hey.

"Velaí unha das batallas para librar no futuro. A batalla da autoconciencia. Que ten que ver co orgullo e coa morte, para sempre, do autonoxo secular que sentimos por todo o propio".

Pasou o 25 de xullo e volvemos reivindicar obviedades, cousas ben doadas de entender ata por un meniño de teta: que queremos ser. Ser de nós. Ser de seu. Non ser dende a ollada doutros que nos son alleos. Que non teñen por que ser inimigos. Pero si que non son nós. Eles deitan a súa ollada e dende esa ollada nos constrúen, pero nos constrúen colonia. Como lles pasaba aos escravos que tiñan interiorizada a súa condición de escravos e que se sentían bos se o amo dicía que eran bos. E víanse malos se o amo dicía tal. A liberdade implica poder conseguir unha condición de dono de un mesmo. Capaz de verse e de sentirse como quere.

Velaí unha das batallas para librar no futuro. A batalla da autoconciencia. Que ten que ver co orgullo e coa morte, para sempre, do autonoxo secular que sentimos por todo o propio. Porque, aínda que sexa desagradable lembralo, o certo é que a día de hoxe siguen sendo moitos os galegos e galegas que non sinten como un orgullo, senón como unha circunstancia da vida, ser galegos e ter un elemento diferencial.

"Reivindicamos obviedades, cousas de sentido común. Que o galego é a nosa fala. Que Galicia quere ser. Que existimos no mundo".

Como sabemos e Castelao nos lembrou tantas veces dende o seu 'Sempre en Galiza' publicado hai 70 anos, ese elemento diferencial é o idioma. Dicíamo aí atrás un empresario catalán e xa o contei: non entendo como as empresas galegas rexeitan o galego. É o único que tendes diferente. É o único que vos pode diferenciar no mercado global.

Pasou o 25 de xullo e volvemos escribir os mesmos artigos e a facer as mesmas reflexións. Cambia algunha que outra etiqueta pero, no fondo, levamos dicindo o mesmo dende que temos memoria. E é ben triste porque, como digo, reivindicamos obviedades, cousas de sentido común. Que o galego é a nosa fala. Que Galicia quere ser. Que existimos no mundo.

Que cansazo, por favor, que esgotamento...

Comentarios