Opinión

De novo no campo de concentración

Hai uns días morreu a que estaba considerada a derradeira supervivente dun campo de concentración. Chamábase Alice Herz-Sommer e tiña 110 anos no intre en que a morte veu buscala en Londres. 

Hai uns días morreu a que estaba considerada a derradeira supervivente dun campo de concentración. Chamábase Alice Herz-Sommer e tiña 110 anos no intre en que a morte veu buscala en Londres. A nova do seu pasamento impresionoume polo que ten de simbólico o feito de que desapareza unha persoa que padeceu un dos horrores máis aberrantes da historia da humanidade nun momento no que os ideais nazis volven agromar con forza en moitas das latitudes desta Europa, vella, cansa e polo que se ve, algo idiota que non é quen de aprender dos seus erros pasados, comprometendo así o seu presente e sen dúbida, o seu futuro. 

"De eles volver, abrirían de novo os campos de concentración. Non terían por que ser lugares pechados con cámaras de gas (tampouco as descarten). Serán leis de estranxeiría ou pelotas de goma a quen tenta non afogar". 

Non hai que irse aos países da extinta Unión Soviética para recoñecer ben claro isto que aquí digo sobre a auxe neonazi. No propio estado español atopamos grupos fachas de españolismo agresivo que incardinan ese pensamento intolerante e represivo e que explican todos os males demonizando aos estranxeiros, canto máis pobres sexan, mellor.

Andan por todas partes. Gobernando xa ou en posicións de poder indiscutibles e moi boas perspectivas electorais. Filtrándose de novo. Sementando a dor e a indignidade. Ameazando con volver mentres, como nos anos trinta do infausto século XX, os que teñen que tomar decisións para que non suceda de novo, pasan de todo.

De eles volver, abrirían de novo os campos de concentración. Non terían por que ser lugares pechados con cámaras de gas (tampouco as descarten). Serán leis de estranxeiría ou pelotas de goma a quen tenta non afogar. 

Calquera cousa con tal de que Alice Herz-Sommer volva ao campo de exterminio. Onde a queren meter para sempre.

Comentarios