Opinión

Os mesmos soldados de sempre

A foto estaba hoxe (e dá igual cando escribín este artigo porque sempre son os mesmos soldados, sempre son as mesmas vísceras e nutrir de estrume os campos ermos da senrazón, sempre son os mesmos uniformes xenerais os que berran esnaquizan condean matan) en todas as pantallas, en todos os xornais, perseguíndome nas redes sociais, e dicían, como un só home, como un só corazón, que estaban dispostos a morrer pola patria.

Vexo a foto e vexo que son os de sempre, os mesmos soldados de sempre, a mesma carne de canón de sempre. Non sei se son de Ucraína, de Rusia ou doutro planeta. Non, doutro planeta non, de certo que non, han de ser deste planeta, porque neste planeta levamos todas as eras idades séculos e tempos facendo o mesmo, pedíndolle a soldados que se maten pola patria por Deus pola nación polo rei pola bandeira. E morren, e morrerán, baixo do calor da patria, abeirados pola nación, chorados polo rei, envolvidos na bandeira. Pero morrerán. E quedarán nais a chorar, mulleres a chorar, fillos e fillas a chorar. E á patria a Deus á nación ao rei á bandeira tanto lles ten.

"E morren, e morrerán, baixo do calor da patria, abeirados pola nación, chorados polo rei, envolvidos na bandeira. Pero morrerán. E quedarán nais a chorar, mulleres a chorar, fillos e fillas a chorar. E á patria a Deus á nación ao rei á bandeira tanto lles ten".

A foto estaba hoxe (e dá igual cando escribín este artigo porque sempre son os mesmos soldados, sempre son as mesmas vísceras e nutrir de estrume os campos ermos da senrazón, sempre son os mesmos uniformes xenerais os que berran esnaquizan condean matan) en todas as pantallas, en todos os xornais, perseguíndome nas redes sociais, e dicían, como un só home, como un só corazón, que estaban dispostos a morrer pola patria. Dicíano así. Estamos dispostos a morrer pola patria. Mais eu estou certo de que non, de que non o dicían, estou certo de que sempre hai alguén que o di por eles e que eles, por iso da educación por iso da manipulación dos sentimentos, himnos, cancións enchoupadas de terra, por iso do destino por iso de que dirán por iso de que eu pasaba por aquí e por iso de que se lle vai facer, din que si, que están dispostos a morrer pola patria. Máis ben: que están dispostos a que os maten en nome da patria. Mais o problema é que é alguén, que non morrerá pola patria (a súa patria adoitan ser os cartos), hai alguén, digo, que sabe falar e señorear discursos e proclamar soflamas e incendiar corazóns e que os manda a morrer pola patria e que se lucrará da súa patriótica morte. Si, gañen ou perdan, el vai lucrarse, eles van lucrarse, eles van gañar cartos en cada conflito, en cada batalla. Aínda que perdan todas as guerras.

Na foto están todos firmes, masculinos, virís, marciais, militares. A bandeira, ese anaco de trapo que nin sequera serve (ningunha bandeira serve para moito máis) para limpar o sangue dos que caian por ela, ondea moi arriba, preto de Deus, preto da Patria. En calquera caso: no quinto carallo. E firmes, masculinos, virís, marciais, militares, ignoran, ou fan por ignorar, que na guerra nunca gaña ninguén, agás a morte, e non pensan, ou deciden non pensar, sobre o feito empiricamente innegable de que os que argallan a violencia necesitan que sempre exista a violencia para que, pase o que pase, móvanse ou non as fronteiras, cambien ou non os países, gañe alguén ou perda alguén, o seu peto sempre siga cheo.

Hoxe vin a mesma foto de sempre.

E sentín o mesmo noxo de sempre.

Comentarios