Opinión

Que mellor fagan os debates no twitter

O xoves da pasada semana falei a primeira hora cun amigo xornalista, insisto, a primeira hora da mañá, e comentábame que viña de incorporarse das vacacións (era 1 de agosto) e que o mandaran a cubrir a comparencia de Rajoy polo asunto Bárcenas. E eu pensei que se xa é duro volver ao traballo (quen o teña porque ben mirado é unha sorte), ademais, ter que empezar escoitando ese suposto debate, iso achégase xa á tortura psicolóxica ou o mobbing laboral en toda regra. Preocupadísimo por semellante reentrée, pregunteille que como estaba. Díxome que o levaba con resignación. 

O xoves da pasada semana falei a primeira hora cun amigo xornalista, insisto, a primeira hora da mañá, e comentábame que viña de incorporarse das vacacións (era 1 de agosto) e que o mandaran a cubrir a comparencia de Rajoy polo asunto Bárcenas. E eu pensei que se xa é duro volver ao traballo (quen o teña porque ben mirado é unha sorte), ademais, ter que empezar escoitando ese suposto debate, iso achégase xa á tortura psicolóxica ou o mobbing laboral en toda regra. Preocupadísimo por semellante reentrée, pregunteille que como estaba. Díxome que o levaba con resignación. Eu suxerinlle que mellor o levase, a pesar de que non eran nin as once, cun par de gin-tonics ou non vía moi ben como ía facer para resistir.
Porque o que vimos foi calquera cousa pero non un debate. Unha cousa insufrible e prescindible. Pero non un debate. De feito, hai ben de tempo que non hai debates parlamentares. Nin en Madrid nin en Santiago. E non pode habelos porque hai moi poucos deputados ou deputadas que demostren ter un certo nivel á hora de argumentar. Aínda que, no fondo, para que van argumentar diante dunha sociedade que prefire frases feitas, razoamentos non moitos e siloxismos, a verdade, como que ningún. Mais, sendo certo isto último que veño de dicir, o certo é que se son parlamentarios e parlamentarias, o que esperamos é que saiban, como o seu nome indica, "parlamentar", é dicir, falar. E iso é algo que Rajoy, Rubalcaba, e outros que temos por aquí, dende logo que non fan.

O debate sobre a financiación ilegal do Partido Popular, era dunha importancia tal, que o mínimo que tiñan que darnos os comparecentes, era unha explicación, un discurso racional que, precisamente, explicase. 

O debate sobre a financiación ilegal do Partido Popular, e sobre a posible relación entre os cartos que entraban e o feito de que os "doantes" (manda truco na Habana co nome que escolleron, nin que desen o seu sangue ou algún órgano vital; non sería mellor chamarlles sen máis "sobornadores"?) conseguisen licitacións para obras públicas, era dunha importancia tal, que o mínimo que tiñan que darnos os comparecentes, era unha explicación, un discurso racional que, precisamente, explicase. Mais non a houbo. E iso é grave. Pero non o foi menos o feito de que a oposición, nomeadamente Rubalcaba, non fosen quen de argallar un discurso minimamente convincente que fose máis aló do esperable e previsible e pouco sorprendente, "dimita, señor Rajoy".

Eu non vos son nada de líderes políticos que veñan a salvarnos do desastre e, de feito, amólame de cada vez que se di que ten que vir un líder a levarnos non sei moi ben cara onde. Incluso me amolan un mundo aqueles que, dende o nacionalismo, comezan a falar dos voceiros nacionais e non sei que máis cargos como se fosen iluminados (ata que os descabalgan, que daquela xa non se lembran) coñecedores da verdade porque Deus, ou o espírito de Alfonso Daniel (con perdón), lles deu a ciencia infusa Para Acertar Sempre. Mais si que quero xente que empregue ben a lingua, que saiba poñela ao servizo da lóxica, e que o que emita brille de seu pola forza argumentativa do que está a proferirse.

Aceptar que isto non sexa así implica aceptar que nos conformarmos con ter como representantes a cacatúas que repiten argumentarios, clichés, ordes e consignas. En definitiva, propaganda.

En definitiva, xente que non pensa.

Daquela propoño que o vindeiro "debate" que mellor o fagan no twitter. A profundidade dos seus pensamentos estou certo de que non chega nin aos 140 caracteres. E aforramos cartiños e, ademais, non torturamos innecesariamente ao meu amigo xornalista.