Opinión

Marca España

Intermón Oxfam presentou a semana pasada un informe tremendo sobre o estado español no que demostra con datos moi empíricos que só hai outro...


Intermón Oxfam presentou a semana pasada un informe tremendo sobre o estado español no que demostra con datos moi empíricos que só hai outro que supera a España en desigualdade: Letonia. E se por xustiza social entendemos igualdade, España é, sen ningunha clase de dúbidas, un lugar inxusto. A famosa 'Marca España' que o goberno quere vendernos empórcase cuns datos obxectivos que nos sitúan nas fronteiras case que do terceiro mundo.

O informe é un deses documentos molestos que explican por que aos gobernos non lles apetece nada soltar cartiños para as Ongs, porque, xa se sabe, póñense a intervir na realidade co obxecto de cambiala e termina pasando o que termina pasando: que chean de lama aos que mandan, sinalándoos co dedo, amosando a súa culpa e responsabilidade.

"A famosa 'Marca España' que o goberno quere vendernos empórcase cuns datos obxectivos que nos sitúan nas fronteiras case que do terceiro mundo"

Como cando demostran, con datos clarísimos, que o goberno español lexisla en función das entidades financeiras, dos lobbys económicos e dos grupos de poder. Nunca pensando na xente. Pensan nos mercados, nos grandes inversores. En definitiva: nos ricos. O pobo é un camiño necesario, inevitable, pesadísimo, que hai que aturar cada catro anos. Pero non lles importa ese pobo que din representar. A Marca España constrúese dende a exclusión de quen non o merece.

O informe sinala que hai 20 persoas que teñen máis cartos que o 20 por cento da poboación. Concretamente eses 20 magníficos posúen arredor de 77.000 millóns de euros. Nun lugar onde se extende coma un regueiro inxusto de pólvora noxenta a pobreza, realidades coma esta emporcan esa marca gloriosa que quere facer que asociemos a Nadal ou La Roja coa verdade.

"A Marca España constrúese dende a exclusión de quen non o merece"

Como lucidamente sinala o informe, ese poder económico, na práctica, o que fai é secuestrar (esa é a acertada verba que usan) o poder político para sometelo, poñelo de xeonllos e obrigalo a acatar as súas ordes. E así vai indo o mundo, todo en función da economía, todo centrado en salvar ao sistema, todo continuamente hipotecado pola hipoteca global que chaman crise pero que, falando de verdade, vén sendo a procura dunha estratexia de machaque colectivo para que esas grandes fortunas, para que os grandes bancos, para que os grandes señores da terra, sigan sendo igual de grandes.

E iso, tamén, en España.
Que non se desmarca.