Opinión

O que lle dá medo ao goberno de Madrid da consulta catalá

É dabondo significativo que, sobre o asunto soberanista catalán, o que máis semella preocuparlle ao goberno, máis que o resultado do plebiscito é que este chegue a celebrarse. O ministro Gallardón repíteo en canto lle preguntan pola cousa

É dabondo significativo que, sobre o asunto soberanista catalán, o que máis semella preocuparlle ao goberno, máis que o resultado do plebiscito é que este chegue a celebrarse. O ministro Gallardón repíteo en canto lle preguntan pola cousa. E insiste: o estado ten medios para impedir a consulta.  Non di, que podería, que o estado ten medios para impedir a proclamación da soberanía incluso aínda que saíse que si. O que di é que non van permitir que se celebre. Que non queren nin que se inicie o proceso de preguntar. Que non van consentir que se poña data e hora para ver que é o que a xente quere facer. A iso é ao que realmente lle teñen medo. A que se lle pregunte ao pobo. A que se exerza a democracia.

"Cando os gobernantes andan máis preocupados polo debate que polos resultados do mesmo, é que non se cre na democracia nin, dende logo, na liberdade".

A obsesión gubernamental por dinamitar o proceso para que a consulta non se celebre demostra, con radical claridade, o cerne intolerante que habita dun xeito natural nas estruturas básicas do poder (estou certo de que, de estar o PSOE no goberno reaccionaban igual). Ou sexa, que somos demócratas ata un limite. A fronteira márcaa o respecto ao status quo, ás cousas que son como son e que non se cambian por nada aínda que a xente desexe cambialas.

Cando os gobernantes andan máis preocupados polo debate que polos resultados do mesmo, é que non se cre na democracia nin, dende logo, na liberdade. Esa que os pobos deberían ter dun xeito natural.  A de opinar e decidir soberanamente o seu futuro.

Comentarios