Opinión

Lennon dixo unha vez...

Lennon dixo unha vez: "houbo un par de profesores que me prestaron atención, que me animaron a debuxar e a pintar, a expresarme. Pero a meirande parte do tempo empeñábanse en que fose un puñeteiro dentista ou un médico". A frase pronunciouse hai máis de trinta anos e, probablemente, sigue absolutamente en vigor. 

 

Lennon dixo unha vez: "houbo un par de profesores que me prestaron atención, que me animaron a debuxar e a pintar, a expresarme. Pero a meirande parte do tempo empeñábanse en que fose un puñeteiro dentista ou un médico". A frase pronunciouse hai máis de trinta anos e, probablemente, sigue absolutamente en vigor. Non porque os mestres e as mestras non fomenten a creatividade (que de todo hai), senón porque o sistema educativo está pensado para formar "profesionais" que entren dentro do sistema. Iso que está morto e que precisa dun recambio urxente.

"John Lennon foi un xenio que as pasou canutas durante a súa estadía no colexio. Estaba sempre castigado e non tiña ningunha clase de interese por ningunha asignatura agás pola literatura e polo debuxo"

John Lennon foi un xenio que as pasou canutas durante a súa estadía no colexio. Estaba sempre castigado e non tiña ningunha clase de interese por ningunha asignatura agás pola literatura e polo debuxo, curiosamente, as dúas únicas materias que tiñan que ver algo coa creatividade. Importábanlle un pemento, con perdón, os polinomios, as datas dos Grandes Acontecementos da Historia e as xeografías varias e variadas, de cousas incribles, que nos fan meter dentro da cachola (para esquecer axiña) dende que somos pequerrechiños. A el interesábanlle as palabras e por iso facía contos e poemas. A el interesáballe o debuxo e por iso editaba, xa na súa época escolar primeira, un xornal satírico en viñetas que, a día de hoxe sigue a sorprendernos pola súa creatividade. Logo, este fracasado do sistema, este señor que segundo os criterios de Wert nunca optaría a unha beca (e si que lla deron, a pesar de todo, no seu país para estudar Arte cando rematou  no instituto), atopouo o rock and roll (e sobre todo atopou a McCartney e Harrison) e xa nada foi o mesmo para ninguén sobre o planeta.

O sistema educativo occidental, xa non só o español, tan limitadiño e tan centrado no mundo empresarial, é un planteamento formativo que practicamente ignora unha parte da humanidade fundamental como é a nosa capacidade para crear, para fabricar soños, para inventar realidades. Non se fomenta, entre outras cousas, porque non interesa dende un punto de vista económico. Atendendo ao sistema, ás finanzas, ás cousas metálicas, obxectivas, a todo iso que cotiza en Bolsa, fomentar a creatividade dos nenos e as nenas é incluso perigoso, porque, entre outras cousas, ese tipo de potencialidades convidan, politicamente, a pensar nun mundo mellor, nunha realidade distinta. A soñar. Ao sistema non lle interesan os soñadores. Ao sistema interésanlle as máquinas capaces de reproducir, coma bois xunguidos, un traballo canto máis mecánico mellor. Seres obedientes. Rabaño.

"Ao sistema non lle interesan os soñadores. Ao sistema interésanlle as máquinas capaces de reproducir, coma bois xunguidos, un traballo canto máis mecánico mellor". 

A arte vai contra de todo iso.

E, como hai tantísimos anos (Lennon foi educado na victoriana represión dos anos corenta do século pasado) seguimos obsesionados con facer profesionais útiles para manter funcionando un sistema que está deseñado, precisamente, para acabar coas persoas en favor do beneficio económico.
E, incriblemente, aínda así, rematan aparecendo persoas coma Lennon que nos din que imaxinar é o camiño para cambialo todo.

Comentarios