Opinión

Laika era unha cadela, non a realidade

Laika era unha cadela da miña infancia. De feito, cando eu era un cativo, habíache un monte de cadelas que se chamaban Laika, así, con K, para honrar á cadeliña que mandaran os soviéticos ao espazo. É curioso pero, naquel franquismo aínda imperante, dicíanse en alto os nomes das Laikas e dos Trostskis, que tamén había moito can que se chamaba así, e era, probablemente, o máis comunista que no meu barrio se escoitaba.

Laika era unha cadela da miña infancia. De feito, cando eu era un cativo, habíache un monte de cadelas que se chamaban Laika, así, con K, para honrar á cadeliña que mandaran os soviéticos ao espazo. É curioso pero, naquel franquismo aínda imperante, dicíanse en alto os nomes das Laikas e dos Trostskis, que tamén había moito can que se chamaba así, e era, probablemente, o máis comunista que no meu barrio se escoitaba.

"A pesar de chegar a democracia, axiña todos se apresuraron a aclararnos que o que dicía a Constitución é que España é un estado aconfesional, pero non laico. E descobrir iso foi moi doloroso". 

Co paso do tempo aprendimos que laica era tamén o nome que recibían as sociedades modernas, avanzadas, plenamente democráticas, onde a relixión ficaba reducida ao que debería de ser (cando menos así se leva proclamando dende o século XVIII) o seu reducto natural, é dicir, a esfera do privado. Aí é onde ten que vivir a relixión, nunca, no ámbito público. E como aprendimos iso, soubemos tamén que a nosa sociedade non era laica, e que era por iso que os curas tiñan tanto poder e tanta presenza. E a pesar de chegar a democracia, axiña todos se apresuraron a aclararnos que o que dicía a Constitución é que España é un estado aconfesional, pero non laico. E descobrir iso foi moi doloroso. De feito, a Sacrosanta e Inamovible Española Constitución di no seu artigo 16.3: "Ningunha confesión terá carácter estatal". E ata aí todo moi ben. Ata aí todo perfecto. Pero logo engade nese mesmo capítulo: "Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española", e ata aí podería seguir estando máis ou menos ben, sendo discutible esa afirmación (porque...que pasa se un día as crenzas da sociedade española son as da Ciencioloxía, por exemplo?), pero, en fin, podemos aturalo tal e como está redactado. Pero logo, o artigo famoso remata: "manterán (os poderes públicos) as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións".

"Non é de estrañar que, nestes días nos que o PP presenta a súa famosa Lei de Transparencia, deixe fóra desas obrigas de transparencia á Igrexa Católica". 

O xeito no que está redactado ese artigo róncalle moito o nabo. Ese "as conseguintes relacións" dá a entender que hai un punto de naturalidade, de normalidade, en manter unha relación de cooperación (que na práctica tradúcese en millóns de euros que incluso os non católicos pagamos a Roma), aínda que, o máis preocupante, é como remata o textiño, distinguindo, por unha banda entre a Igrexa Católica e, por outra, "as demais confesións".Por iso non é de estrañar que, nestes días nos que o PP presenta a súa famosa Lei de Transparencia, deixe fóra desas obrigas de transparencia á Igrexa Católica. Debe de ser que dentro dos divinos significados da verba "cooperación" está a de opacidade, escurantismo e non ter que dar contas (nunca mellor dito) a ninguén.Por algo Rouco Varela sempre di iso de que o laicismo é un perigo.Claramente: un perigo para eles.A realidade segue sen ser laica. Unha cadela que había no meu barrio si que o era, pero a do goberno e a lexislación vixente, aínda non o é.

Comentarios