Opinión

Internet é un berro

Terán que pasar moitos anos, pero moitísimos, ata que teñamos a perspectiva temporal suficiente como para sermos quen de ollar cara atrás e comprender a revolución...


Terán que pasar moitos anos, pero moitísimos, ata que teñamos a perspectiva temporal suficiente como para sermos quen de ollar cara atrás e comprender a revolución, mellor dito, as revolucións, que internet ten suposto na nosa cultura, tanto a nivel comunicativo como, incluso, político. Grazas a internet comunicámonos máis e mellor. Grazas a internet, e a quen lle pareza esaxerado que me invite a unhas cañas e discutímolo con vagar, hai máis democracia no mundo.

Porque, no esencial, grazas a internet, hai máis claridade no mundo, a manipulación é máis difícil e, sobre todo, as voces disidentes ocupan un certo espazo e unha certa visibilidade. Por iso titulei, precisamente, este artigo así: porque Internet é un berro. Unha posibilidade de escoita por enriba do ruído predominante e hexemónico. Ese ruído desacompasado e salvaxe, cheo de borralla, que fai dificilísimo entender absolutamente nada.

Internet é, a día de hoxe, o lugar onde teñen cabida aquelas cousas que non a teñen nas plataformas comunicativas hexemónicas. E grazas a ese altofalante que é a rede, sabemos das violacións dos dereitos humanos, case que en tempo real, accedemos ao coñecemento de casos terribles de abusos que excitan a nosa solidariedade, mentres os medios de comunicación tradicionais siguen centrados en Messi ou os programas de concursos televisivos de supostos chefs. Grazas á rede, medios de comunicación como este que me acolle cada semana, ou outros, eses asuntos existen, esas cousas son. E, ademais, con posibilidades reais de chegar a moita xente porque compartimos a información que nos parece interesante, con toda a xente que nos sigue, a golpe de clic, cunha facilidade absoluta. E con devoción por compartir, ademais.

O caso da literatura galega, da que formo parte, é un caso ben claro. O espazo que os medios de comunicación tradicionais lle dedican é pouco menos que marxinal. Fóra, nin existimos (o outro día boteille a bronca -vía twitter, dende logo- a certo xornal de Madrid que vai de referencial e de prensa de calidade e que falaba da tradución pioneira en España de certo escritor, ignorando que xa está en galego...será porque Galicia non é España?), e dentro, tampouco se nos fai así como que moito caso. Nembarantes, na rede, ábrense espazos, lense reflexións, compártense propostas e así vaise nutrindo a xente máis inquietas de propostas moi completas, en galego, que se vertebran arredor da información e o coñecemento centrado na nosa cultura.

Fronte da mudez e o silenzo obrigatorios aos que o poder nos acostuma (e nos que a prensa tradicional é cómplice pois depende en demasiadas ocasións dese poder ao que teoricamente deberían controlar) álzase o berro libertario dun medio de comunicación onde todo é posible. Por exemplo artigos coma este. Que, noutro sitio máis convencional nin tería ocasión de ver a luz.