Opinión

A inmortalidade

O problema, ou un deles, de sermos un animal consciente é que sabemos que imos morrer e, polo tanto, a medida que imos cumprindo anos, a evidencia do final faise, precisamente por iso, máis e máis e máis evidente. Aínda que a min, a verdade, tampouco é un asunto que me quite o sono. Porque eu, como di Calamaro no seu último disco, confórmome con que me colla sorrindo. Con iso é dabondo.

Todo este filosófico comezo, aínda que non o crean, ten que ver co pasamento, o martes, da actriz Shirley Temple, que tiña 85 anos pero á que sempre veremos como unha nena moi pequena, rebuldeira e talentosa. Con esa imaxe na cabeza de todos será dalgunha maneira, inmortal.

Mais non se me despisten porque en realidade eu non lles quero falar desta actriz da que, chámenme burro, non son quen de citar nin un só título de ningunha das súas películas. 

"Do que me presta falar é da inmortalidade. Da nosa poderosa capacidade de gañarlle a batalla á morte dende a arte, dende a creatividade, dende a nosa loita por crear beleza e, a partir dela, perdurar".

Do que me presta falar é da inmortalidade. Da nosa poderosa capacidade de gañarlle a batalla á morte dende a arte, dende a creatividade, dende a nosa loita por crear beleza e, a partir dela, perdurar.

Decateime disto con total brutalidade hai uns días, mentres lle falaba a un grupo de alumnos e alumnas de primeiro da ESO que leron un libro meu. Decateime de que o libro xa ten un monte de anos. E que moitas cousas mudaron dende que o escribín ata hoxe. Moitos cambios no mundo. Mais tamén en min, que xa non son o mesmo que o escribiu.

Nesa tesitura temática alguén preguntou sobre que é a literatura para min. Como sempre digo, é un acto de comunicación entre un que escribe e outros que me len.

E daquela comprendín que era inmortal. E díxenllo: dentro dun cento de anos, cando eu xa non estea, alguén collerá este libro para lelo. E daquela, volverei a ser. Eu de novo. Comunicándome outra vez a través das palabras que escribín, dos personaxes que soñei e das emocións que puxen no papel. 

E quedei encantado.

Comentarios