Opinión

Un goberno obsceno que odia as mulleres

Abrimos a semana alucinando a cores ao coñecer que o goberno español (o goberno tamén das mulleres que sufren violencia de xénero), tomou a decisión de rebaixar as cifras sobre o maltrato sacando das estatísticas, do cómputo a aquelas que non pasen máis dun día no hospital. Ademais, só figurarán neses listados as mulleres que teñan secuelas físicas. Non se contemplan as psicolóxicas (que son, precisamente, as máis fodidas de curar e que son, aínda que eles non o crean, tamén feridas, tamén secuelas, tamén lesións). O departamento que dirixe (e co que nos maltrata) Ana Mato, conta que con esta medida han reducir nun dez por cento o  número de casos. Ollo ao piollo: non van reducir a violencia machista. Reducen o dato, que, a fin de contas, é o que lles interesa reducir. Que lles saian as contas desexadas. E é dunha obscenidade tal todo isto, dunha falta de moral e de humanidade tan gordas, que teño que pedirlle aos meus dedos que boten o freo porque se escribo aquí o primeiro que me fai pensar esa decisión, remato no xulgado denunciado seguro.

"Non van reducir a violencia machista. Reducen o dato, que, a fin de contas, é o que lles interesa reducir"

O que pretenden aplicar é a obscenidade espantosa das matemáticas. A desvergonza absoluta dos díxitos. A senrazón dos números postos ao servizo do poder. Como fan coas guerras. O mes pasado só matamos cen civís, pero este mes só noventa: a guerra vai mellor.

Cando eu era un adolescente e tiña claro que ía obxectar ao servizo militar, e aínda non se sabía moi ben que ía pasar cos que nos negásemos, etcétera, lía moito sobre a situación dos soldados, os seus dereitos e a súa situación. E lembro ter lido un informe no que se falaba da cantidade enorme deles que morrían durante o servizo militar (e xa que estamos: medrei escoitando iso de que se non ía a mili non era un home...canta parvada xunta tiven que aturar...). No informe incluíanse os soldados que morrían durante os desprazamentos, case que sempre en coche, durante os permisos para voltar ás súas localidades de residencia. Lembro rifar moi duramente cun familiar moi obsesionado con que eu fose á mili (e non fun, chincharabiña!), que me dicía que esas mortes non eran culpa do servizo militar, que eran accidentes de tráfico e que nada tiñan que ver coa mili. E eu veña que si. E, por suposto, o Ministerio de Defensa non as asumía como tal, a pesar de que moita daquela xente que espichaba nas estradas non tería estado neses coches de non ter que ser obrigados a perder un ano da súa vida nun dos labores máis idiotas que se poden acometer nesta vida que é estar nun exército e obrigado. Mais a obscena maquillaxe das matemáticas militares invisibilizaba eses mortos e, xa que logo, era como se non estivesen. Como se seguisen vivos. Pero estaba mortos.

"Esa forma de terrorismo tremebundo que a pesar de campañas e civilización e educación e de que se lles encha a boca de igualdade, segue a ser unha realidade terrible, desesperante, inmoral e desmoralizante"

Como houbo, aló polos anos noventa do século pasado, unha época na que a DGT non contaba como falecidos en accidente de tráfico aqueles que non morrían no momento. Os que ingresaban nun hospital e morrían fóra, digamos, da estrada, non eran mortos de tráfico a efectos oficiais. E non figuraban e, daquela, era como se nunca tivesen viaxado neses vehículos.

Esa obscenidade chega agora ao territorio da violencia machista, esa forma de terrorismo tremebundo que a pesar de campañas e civilización e educación e de que se lles encha a boca de igualdade, segue a ser unha realidade terrible, desesperante, inmoral e desmoralizante. E que sigue a ser independentemente de que agora, estes obscenos decidan maquillarse o cerebro, a conciencia, e o corazón, para poder argumentar que reduciron un problema que, aínda que non queran cuantificar, está aí. Para a súa vergonza.

Comentarios