Opinión

Finlandia. De novo

Hai uns días tiven ocasión de xantar cunha editora finesa. Falamos, como adoita acontecer cando se xuntan dous do mesmo gremio, de asuntos relacionados co libro, a edición e a literatura. A conversa, da que participou tamén un xornalista francés, derivou cara o asunto da educación en cada un dos nosos países. 

Hai uns días tiven ocasión de xantar cunha editora finesa. Falamos, como adoita acontecer cando se xuntan dous do mesmo gremio, de asuntos relacionados co libro, a edición e a literatura. A conversa, da que participou tamén un xornalista francés, derivou cara o asunto da educación en cada un dos nosos países (e medo me daba falar cunha nativa de Finlandia sobre educación, calidade do ensino, resultados PISA, etc) e debo dicir que fiquei moi sorprendido no intre no que a colega finesa nos informaba de que na escola dalí (xa sabedes, ese espello onde levamos séculos dicindo que temos que mirarnos pero onde os nosos políticos pasan de mirarse) a escrita literaria está incorporada dende que son ben cativos como unha materia máis na que deben formarse. Non estou a referirme a que se imparten obradoiros literarios para escolares como unha actividade complementaria de cando en vez como sucede aquí ou Francia, segundo nos recoñecía o periodista galo que tamén sucedía alí. En absoluto. Estábame a explicar que os nenos e as nenas de Finlandia, dende que son autónomos para ler e escribir, profundan na práctica e coñecemento da creatividade literaria, é dicir, que a escola, dentro do ensino de programas regrados, preocúpase de que teñan a posibilidade de escribir ficción, poesía e, en definitiva, esfórzase en que comecen a ser "escritores", traballando coa literatura coma unha ferramenta para expresar os seus sentimentos, pensamentos e ideas sobre o mundo. 

"Fiquei moi sorprendido no intre no que a colega finesa nos informaba de que na escola dalí a escrita literaria está incorporada dende que son ben cativos como unha materia máis na que deben formarse".

Eu só lle vexo beneficios. E ningún atranco.

Fronte disto e por aquí, seguimos manexando programas de estudos literarios que levan a memorizar vidas de autores, relación de obras e de datas, adscrición a xéneros e movementos....ese tipo de cousas que supoñen un disparate ao meu ver. Un disparate antieducativo e, dende logo, perfecto para que á cativada non lle guste a literatura. Por iso levo anos sinalando que un dos datos que nos permite falar de fracaso escolar é que, logo de non sei cantos anos de estudo literario, milleiros de adolescentes rematan o ensino obrigatorio sen ser lectores. Iso é un fracaso. Un fracaso superlativo. 

Á sobremesa explicábanos que dende hai quince anos xa está a funcionar na Universidade finlandesa un programa de estudos só centrado na literatura pero dende a vertente profesional. Así de claro: para formar escritores. E algúns froitos xa comeza a dar. E aínda que está ben claro que para ser escritor o primeiro é o desexo de selo e o talento, non o é menos que unha formación boa nesa cuestión axudará a sumar sempre. Nunca a restar.

Así que, como xa dixen moitas veces, en ocasións éntranme mundos de ganas de nacionalizarme finés.

Comentarios