Opinión

É unha trola iso de que un pobo máis informado é un pobo máis libre

  Aínda que xa non se estila moito a etiqueta, ata hai nada definiamos a nosa época como a sociedade da información(agora dise máis Sociedade 2.0). E dalgunha maneira segue sendo válida esa categorización porque é innegable que nunca dispuxemos de máis ferramentas para estarmos informados e conscientes da realidade ca hoxe.

 
Aínda que xa non se estila moito a etiqueta, ata hai nada definiamos a nosa época como a sociedade da información(agora dise máis Sociedade 2.0). E dalgunha maneira segue sendo válida esa categorización porque é innegable que nunca dispuxemos de máis ferramentas para estarmos informados e conscientes da realidade ca hoxe. E así, algúns, coma min, vivimos perpetuamente conectados ao facebook, twitter e outras redes sociais que, ademais de permitirme saber que a veciña do terceiro está preparándose neste mesmo instante no que escribo estas liñas un café, deixa que acceda a información case que en tempo real de todo o que está a pasar nos currunchos máis disparatados e distantes do planeta e, sobre todo, acceder a ese tipo de información que ao poder desagrada e que por iso non atopo publicada nos medios tradicionais. E son as redes sociais e os blogs e as webs e os podcast e instagram e youtube e e e e e...quen me nutren de novas que, sen dúbida, amplían a miña ollada e alimentan o meu coñecemento (os teóricos da comunicación chámanlle a este fenómeno infobesidade).

Mais sen embargo e a pesar de todo isto, non podo evitar ter a sensación de que a meirande parte da cidadanía vive (e paradoxo dos paradoxos, tamén moitos dos usuarios de todos estes medios telemáticos) na máis completa e absoluta desinformación. O que é sen dúbida moi grave, posto que antes non existían maneiras de saber as cousas, e agora podemos sabelo practicamente todo sobre todo. Antes, cando morría o rei, na outra punta do reino enteirábanse un par de meses máis tarde (ou anos). Hoxe, alguén pode ir tuiteando a agonía do monarca mentres millóns de persoas opinan sobre os estertores e discuten se é procedente aproveitar a circunstancia para instaurar a República e, daquela, crean un grupo en facebook.

Daquela, deberiamos concluir que a sociedade actual, preñada de coñecementos, chea de información, coñecedora de todos os datos necesarios para entender o mundo, é unha sociedade máis libre, máis activa e, por forza, revolucionaria (ao ser sabedores como somos das inxustizas que hai no mundo, actuamos e mudamos a realidade). Sen embargo, resulta que non. E cando un repara nos Trending Topic, é dicir, os asuntos dos que máis se fala no Twitter (a rede informativa por excelencia), atopa, como no momento no que isto escribo, asuntos vitais para a liberdade humana e a racionalidade como #xabialonso, #laroja ou, coma onte, un asunto que tiña que ver coa operación de nariz de Belén Esteban.
 
É unha trola iso de que un pobo máis informado é un pobo máis libre. Unha trola enorme.

Comentarios