Opinión

Un artigo filosófico para voltar do verán

Pasei parte do mes vacacional (por iso non andiven por estes cibernéticos espazos) visitando un parque temático coa familia. Si. Recoñezo que me molan as montañas rusas, os loopins e ata os infantís xiros das taciñas chinesas. Élles un vicio do máis inofensivo e que non fai mal a ninguén.

Pasei parte do mes vacacional (por iso non andiven por estes cibernéticos espazos) visitando un parque temático coa familia. Si. Recoñezo que me molan as montañas rusas, os loopins e ata os infantís xiros das taciñas chinesas. Élles un vicio do máis inofensivo e que non fai mal a ninguén.

Entre outras atraccións tireime, e ata dúas veces, da montaña rusa máis alta de Europa, un constructo alucinante que na primeira caída faiche ir (e sen arneses: vas suxeito por unha barriña entre as pernas) a 125 quilómetros por hora. A suba de adrenalina é automática, esaxerada e intensa. Xusto o que se busca.

"Nietzsche soubo mostrar moito antes que Freud que o noso eu verdadeiro non é o racional que nos queren facer crer dende sempre, senón esa parte animal que ten que ver co pracer, a felicidade e a alegría". 

Cóntolles todo isto porque mentres facía cola co fillo máis grande, antes de que nos tocase, reflexionabamos sobre a condición de irracional que ten todo iso de pasar medo porque si.  Porque todo o mundo pasa medo aí. Un medo controlado porque sabemos que todo é seguro e que nada vai pasarnos. Pero medo a fin de contas.  Un certo pánico que nos conecta coa nosa parte máis animal e que, despois de todo, é o que nos dá gusto.

Escribo isto, quizais, porque hoxe, no intre en que redacto estas liñas hai 113 anos do pasamento de Nietzsche, un autor que, a pesar das súas sombras, soubo mostrar moito antes que Freud, que o noso eu verdadeiro non é o racional que nos queren facer crer dende sempre, senón esa parte animal que ten que ver co pracer, a felicidade e a alegría. 

Por iso todo o que nos importa na vida ten que ver con esa escuridade que, en realidade, é pura luz: o amor correspondido, o orgasmo longo e compartido, que gane o teu equipo, aturuxar no medio dunha canción ou calquera outra cousa que saque ese animal festeiro e de verdade que levamos dentro e que pode ser máis que feliz tirándose por unha montaña rusa na compaña dun fillo querido. 

Ese eu é que cómpre reivindicar día a día. E non porque o dixese Nietzsche. Porque o di o senso común e porque habemos vivir mellor. 

Comentarios