Opinión

Xustiza, ma non troppo..

Vimos de coñecer a sentenza do caso da dragaxe da ría de Ferrol pola que dous ex altos cargos da Xunta resultaron absoltos do delicto de falsidade en documento público. Neste procedemento, iniciado en 2012 cunha denuncia de Adega, a entidade ecoloxista actuou como acusación particular a carón da Fiscalía Ambiental. O fondo da cuestión son as actuacións destes dous funcionarios no procedemento administrativo da dragaxe dos fondos da ría de Ferrol para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa, en 2011. As actuacións atinxían hábitats prioritarios dentro da Rede Natura 2000, e os acusados "cociñaron" logo de iniciadas as obras unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente. Tras a denuncia de Adega e a intervención da Fiscalía apareceu o verdadeiro informe, que recomendaba a non execución do proxecto…

Malia que a sección 6 da Audiencia da Coruña recoñece na sentenza as varias falsificacións cometidas polo ex subdirector de espazos naturais e biodiversidade Rogelio Fernández e o ex xefe do servizo de conservación da natureza da Coruña, Carlos Muñoz, para a Sala este proceder non é suficiente para constituir delicto de falsidade documental e absólveos.

A cuestión é —e son feitos probados para a Sala— que os funcionarios simularon un documento, criaron a posteriori unha nota interior cando non a había asinándoa cunha data anterior, faltando así á verdade en cando á datación. O Tribunal recoñece ademais que os acusados actuaron de forma dolosa —á mantenta—, xa que ao asinar os documentos sabían que as datas non eran verdadeiras.

Que extraordinarias circunstancias concorreron entón para que estes dous ex altos cargos da Xunta ficaran absoltos? A ver se somos quen de entendelo:

De chafalladas, dereito romano e Infantas de España

Resulta curioso que o tribunal, malia recoñecer a comisión de varias falsificacións documentais e mesmo a intención dos acusados de cometelas —dolo—, considere que semellante conduta “carece de relevancia penal”. Na sentenza chega a cualificar a “elección” (sic) dos acusados deste particular xeito de completar un expediente como “errónea”, permitíndose apontar quizáis como consell, que había outros xeitos de facelo “sin necesidad de falsificar la fecha de los documentos de forma, además, chapucera”.

Porén, para a Sala non acaba de ficar clara a fin coa que actuaron os acusados: ocultar datos para enganar á Fiscalía?; completar un expediente e deixalo “pulido” (sic)? E, na opinión do Tribunal, ao haber dúbidas sobre a intencionalidade (non sobre a comisión dunha falsificación “chafalleira”), pois tira de presunción de inocencia —in dubio pro reo— e absólveos.

No entanto, este fundamental principio que emana do dereito romano non parece suficiente para facer pasar o camelo polo ollo da agulla. E eiquí aparece o “Caso Noos” (si, o de Urdangarín e a Infanta): para demostrar a “irrelevancia penal” da falsificación, invócase a sentenza STS 277/2018 “Caso Noos”, en cuxo sumario tamén hai un documento cuxa data foi alterada a posteiori, daquela volta pola man de SAR nada menos! O Supremo considerou que este feito non constituía unha “acción falsaria típica” e que non alteraba “a confianza da sociedade no valor probatorio dos documentos”. A Sección 6 da Audiencia Provincial da Coruña calca a argumentación e a conclusión do Supremo: a “antedatación” non é relevante e os feitos probados (as falsificacións) non constitúen delito.

Unha Infanta de España ao rescate de dous directivos “creativos” da Xunta. Cousas veredes…

Funcionarios e funcionarias do Estado español: sabede que se falsificades un documento nun expediente administrativo, sempre que esa vosa “elección” careza de entidade “suficiente” ou as falsidades que contén sexan “inocuas” ou “penalmente atípicas”, nada tedes que temer. A xurisprudencia do Supremo (Caso Noos) ampara a vosa conduta.

Falsificade pois, ma non troppo…

Comentarios