mércores 12/08/20

Orgullo de ser ponteareán

Lembro que, cando fun estudar a Santiago tiña que andar a explicar onde era Ponteareas. “Sabes onde fica Vigo?” “Si” “E O Porriño?” “Non” “Pois Ponteareas está preto de Vigo. Ao pouco de coller a autovía para Ourense”. E, cando alguén coñecía o sitio, dicíame “Pero que pasa en Ponteareas? Que o alcalde leva alí toda a vida.” Nese momento, se alguén me crava unha agulla, xuro que non sangro porque eu mesmo xa levaba tempo a sentir vergoña por ser de alí, por ser dun lugar onde o propio Concello non facía absolutamente nada nin pola lingua nin pola cultura galegas. Até cheguei, nunha ocasión no Instituto da Lingua Galega, a ler un artigo dun lonxano parente da familia titulado “Flores gallegas sin gallego” do célebre músico Roxelio Groba. E, o día de poñermos o noso lugar de orixe na orla non fun capaz de poñer “Ponteareas”, puxen “Oliveira” que así era (e é) coñecida a miña aldea nativa. Aquela que me ensinou a lingua e a ser boa parte do que son.

Mais agora “novos tempos son chegados” e nótase. As novas programacións culturais, aínda que sempre con algún “mais”, inclúe propostas que conseguen que eu retornase cultural e intelectualmente á miña orixe. Agora escóitase máis galego na rúa do casco urbano. Agora vese representada a maior parte da sociedade ponteareá na Administración. Nótase que decreceu a aversión pola cultura propia simplemente porque a oferta é moito máis plural, a Administración local amosa o orgullo propio que lle corresponde e as persoas poden consumir produtos culturais en galego cunha calidade excepcional. Por sinalar algúns exemplos de espectáculos teatrais: As fillas bravas, Voaxa e Carmín, O tolleito de Inishmaan, Somos criminais.

Agora escóitase máis galego na rúa do casco urbano. Agora vese representada a maior parte da sociedade ponteareá na Administración

 

E o que aínda me crea máis orgullo é asistir a concertos ou escoitar as músicas dos SkándaloGZ, das Punkiereteiras, dos Rebelióm do Inframundo (este ano estarán no Festigal en Compostela) ou dos Son da Rúa (que xa estiveron o ano pasado). Agora xa hai uns anos que non que andar a explicar onde está a Vila do Tea nin comentarios feos sobre o maltrato cultural e lingüístico de Ponteareas. Máis ben, ao contrario; escoito eloxios e gabanzas.

Simplemente agardo que se manteña este traballo e esta filosofía. Pasou moita música polo escenario do Auditorio Reveriano Soutullo, polo Parque da Feira Vella e pola Praza Maior mais aínda ten moitas máis que soar.

comentarios