Opinión

Orgullo de ser ponteareán II

Hai uns meses falaba do substancial cambio cultural que dera o Concello de Ponteareas desde os meus anos de estudante en Santiago de Compostela. Onte e hoxe ficoume máis ca confirmado.

Un pequeno problema de saúde tívome un día e medio a estar ingresado no Hospital Meixoeiro de Vigo. Nese tempo, compartín cuarto con dúas persoas, unha de Balaídos e outra de Mos. O mozo de Vigo estaba alí cando cheguei na segunda feira pola noite e marchou na terza pola tarde; o de Mos entrou hoxe pola mañá e aínda debe de estar alí porque a min déronme a alta nun momento da mañá que el non estaba. Polo tanto, eles nin creo que se coñecesen nin creo que se visen nunca na vida.

Pois ben, no inicio das conversas que mantiven con eles, ao dicirnos de onde eramos, ao lles dicir que era de Ponteareas os dous me dixeron: "Gústame Ponteareas. Imos moitas veces. É unha vila cunha movida cultural continua. Moi viva. É un sitio moi activo. Sempre están a facer cousas incluso para os cativos". Cando escribira o outro artigo, descoñecía a repercusión que estaba a ter fóra, nomeadamente nos concellos próximos, todas as actividades culturais do Concello.

E é normal. Sen ir máis lonxe, estiveron en concerto, só no mes de setembro, na Vila do Corpus, nomes coma: Ezetaerre, Son da rúa, Susana Seivane, The Skarnivals, Flow do Toxo, Zënzar, Xenderal e, como a cereixa do doce, Ses. E seguro que me esquece algún. Se isto non é un cartelazo cultural, non sei cal pode ser.

Agora o Concello ten unha tarefa complicada para posteriores anos: manter o nivel. Eu xa fago as miñas propostas: Nao, Ataque Escampe, A Familia Caamagno, A Banda Xangai e Os Heredeiros da Crus.

Comentarios