Opinión

O castelán, a lingua que nos separa

Existe o falso mito de que o castelán é a lingua común a todo o Estado español, a lingua que vertebra e exerce de elemento conector entre todos os seus habitantes. Digo falso porque nos queren facer crer e sentir (a través das súas continuas mensaxes) que esa lingua é tan propia das comunidades que posúen lingua de seu como a súa.

Saber calquera lingua (teña mil ou millóns e millóns de falantes) é sempre enriquecedor para quen posúe tal coñecemento. Agora ben, aos españois que falamos e defendemos linguas distintas do castelán, chámannos nacionalistas simplemente por facer o que calquera persoa faría nunha situación normal ao tempo que elas e eles se autodenominan tolerantes e globais por defenderen unha lingua que consideran un ben común panhispánico para miles e miles de persoas. Chaman excluíntes a quen non ten máis intención ca falar e vivir na lingua da súa cultura e incluíntes a quen fala a lingua que pretende ser dominante. Nesta tesitura, a Constitución española de 1978 considera o castelán a lingua oficial en todo o territorio estatal e as demais linguas cooficiais nas súas respectivas comunidades tamén para manter esa mesma diferenza e visión.

No entanto, como di Juan Carlos Moreno Cabrera, profesor da Universidade Autónoma de Madrid e especialista en sociolingüística: “El único nacionalista aquí es el que quiere presentar su lengua como superior. Aquí los únicos nacionalistas son los que afirman, mediante una serie de razonamientos que no tienen ninguna base lingüística (tiene una base social, tiene una base cultural pero lingüística, no) presentar su lengua como superior a otras. Esos son los nacionalistas. Por eso digo, precisamente, que sólo existe el nacionalismo español”. Son realmente estes colonizadores e imperialistas quen son unha grave ameaza para a diversidade lingüística e cultural de España.

Quérennos converter nos malos da película (eles/elas adoitan manexar o poder político e económico e mediático), en persoas abominábeis para que nos retractemos, mudemos e nos convertamos no que son eles/elas. Quérennos no seu grupo de iguais cos seus valores e formas de ver a realidade. Xogan así co prestixio e poderío que se autoatribúen e a necesidade das demais persoas a sentirse integradas e aceptadas pola sociedade que as rodea. Estas mesmas persoas son as que intentan tamén inocular visións interesadas e falsamente positivas da súa lingua ao tempo que as apoian de opinións falsamente negativas sobre as demais.

Por tal motivo, a lei Celaá (que acaba de ser aprobada) vén abrir un novo horizonte para destruír estas vellas e rudimentarias actitudes desigualitarias e fortemente discriminatorias e intentar equilibrar o valor real de todas e cada unha das realidades lingüísticas do Estado. Abonda con vermos os debates que agromaron ao seu redor no Congreso dos Deputados destes días. Neles, incluso podemos ver como o problema da diglosia lingüística e cultural non está nas linguas, senón nesas persoas.

Comentarios