Opinión

Suicidio laboral colectivo

Onte por fin chegou o día esperado, o ansiado momento de facerme unha radiografía no meu ambulatorio habitual. Notarán o ton de alegría do meu comentario, non porque sexa afeccionado á radiación voluntaria, senón porque ao fin pasaran os tres meses e 10 días dende que o meu médico de cabeceira me pediu a cita.

Naquel momento xa me sorprendeu a longa espera para unha proba, que , aínda que non urxente, si era necesaria para determinar a orixe e solución das miñas molestias óseas. Como veterinario de formación, e por algún tempo, de profesión, sei da importancia dun rápido diagnóstico e da simplicidade dunha proba como o radiodiagnóstico, que por sorte converteuse en algo de uso frecuente na sanidade actual.

Pero o meu comentario non vai dirixido ao rápido deterioro do sistema público de saúde, para o que non bastarían todas as follas deste diario, a miña opinión diríxese a outro tema moito máis triste e lamentable. 

Como lles comentaba, onte tiña que realizar a tan ansiada proba, ao ser agosto atopábame fóra do meu lugar de residencia e tiven que viaxar dende outra cidade para acercarme ao meu ambulatorio. Por causas comúns e coñecidas por todos como o tráfico, os aparcadoiros e, sobre todo, a mala planificación, cheguei unha hora tarde á miña cita.

Cun pouco de présa baixei ao soto do edificio, onde se atopa a zona de radioloxía. Aquilo estaba deserto e en silencio. Cando asomei a cabeza, atopeime unha moza, que parecía consultar con certa relaxación algo no seu móbil.

Tras presentarme, mirou con malos modos o volante e indicoume, sen inmutarse, que ao chegar tarde non tiña que atenderme, que volvese pedir cita ao meu médico.  Amable e tranquilamente expliqueille o motivo do meu atraso, a viaxe, a falta de aparcadoiro… pero sobre todo os máis de tres meses de espera para realizar unha proba de apenas 30 segundos. Ela, en ton desagradable e como se pagase do seu peto a factura da luz, insistiume en que non pensaba atenderme e volveu remitirme á miña médica para pedir una nova cita. Eu, que non entendía a súa negativa, tendo en conta que todo o corredor estaba baleiro, volvín insistirlle que non podía esperar outros 3 ou 4 meses por unha proba rutineira pero necesaria para a miña doenza, e que apenas lle levaría 30 segundos, pero nin o meu bo ton nin a miña explicación da situación serviu de nada, achegouse e pechoume a porta do seu despacho na miña cara.

Que alternativa me quedaba?, Acercarme a unha clínica privada para facer a miña proba? Isto é tristemente a opción que cada vez máis xente toma. Deixar que destrúan a sanidade que pagamos todos para ter que pagar a maiores a un novo sector privado.

Mentres pensaba nisto sentado na solitaria sala de espera, veume á cabeza unha situación que vexo ultimamente en moitos negocios e que supoñen sen dúbida un suicidio colectivo. Duns anos cara a aquí, as empresas públicas e privadas están a reducir de maneira drástica o número de empregados e precarizando os servizos en beneficio da “economía de recursos”, que normalmente se traduce en “economía dalgúns petos”. Pero o máis grave non é que unha minoría queira enriquecerse cada vez máis á conta de precarizar o emprego, ou que a administración precarice os sistemas públicos con mala atención e longas listas de espera, beneficiando empresas privadas xa sexa do ámbito sanitario ou doutros. Tampouco o é, aínda que é moi triste, que os propios empregados se vexan obrigados a participar neste sistema, recomendándoche utilizar as caixas automáticas nos supermercados, obrigándoche a utilizar os caixeiros para as túas operacións bancarias, pedíndoche que a ti mesmo recargues o depósito de gasolina do teu coche, ou que utilices o “pago fácil” na autoestrada. Como digo non é isto o máis grave. O terrible é que lograron, non sei se mediante técnicas de hipnose ou mediante un incrible sistema de manipulación psicolóxica, que sexan algúns empregados os primeiros e aguerridos defensores deste sistema, que defendan a uñas e dentes un proceso que a curto prazo suporá o seu despedimento ou a súa limitación nas condicións laborais, no que sen dúbida é un sorprendente caso de suicidio laboral colectivo. A situación é tan absurda como imaxinarnos as ovellas afiando con afán o coitelo do matachín.

Comentarios