Opinión

Xogando co recibo eléctrico

A última medida, sobre a suspensión temporal dalgún imposto no recibo eléctrico, segue a tradición no Estado de "manipular" o prezo segundo interese e con visión curtopracista, isto xa forma parte da Marca España.

Primeiro foi a Moratoria Nuclear, que supuxo uns 6.000 millóns de euros, cargados nos recibos durante 20 anos, por 5 grupos nucleares que nunca se construíron nin por suposto produciron, pero as empresas propietarias cobraron.

Despois foron os Custes de Transición á Competencia, máis de 3.500 millóns de euros que cobraron as cinco grandes empresas do sector eléctrico, en aplicación da Lei do ano 97, aprobada polo Goberno Aznar, para compensar as supostas perdas que terían nun marco de competencia libre, algo que na realidade nunca existiu. E no mesmo tempo privatizaron a empresa pública Endesa, que agora é de novo pública pero Italiana.

Por último, o Déficit Tarifario, invento creado tamén na Lei do 97 para xogar politicamente co prezo da electricidade, que aínda arrastramos e tardaremos en liquidar, só este ano 2021, supón máis de 2.400 millóns de euros.

E, no futuro máis inmediato, están os fondos Next Generation, para os que as empresas eléctricas teñen proxectos por miles de millóns, só entre Endesa e Iberdrola solicitan máis de 53.000 millóns de euros, pretenden que lles financiemos os investimentos e logo eles vannos vender a electricidade. Xogada perfecta e mesmo baixo marca ecolóxica.

Agora, para saír do paso, anúnciase unha suspensión temporal do IVE e do Imposto á Xeración Eléctrica; coincidindo no tempo coa alta recadación polo prezo do CO2, por iso ponse o límite para manter o IVE baixo nos 45 euros/MWh; cando o prezo da electricidade está moi alto, recádase máis por CO2 e compensa a temporal perda polo IVE; ou pagamos vía IVE ou vía CO2.

Moi telegraficamente, os motivos polo que a electricidade é tan cara son:

O mercado de produción eléctrica é, por decisión política, marxinalista, polo que as diferentes tecnoloxías de produción cobran o mesmo, e sempre polo valor da máis cara en cada hora. Por exemplo, se hoxe ás 21 horas, o prezo máximo de produción está en 90 euros/MWh, unha central hidroeléctrica cun custe de produción de entre 3 e 5 euros/MWh, cobra tamén 90 euros, é dicir, un beneficio dun 1.800%.

O recibo eléctrico no Estado español é o único en Europa que soporta unhas peaxes ou cargos que non son propios do sistema. O sobrecuste extrapeninsular (Canarias, Ceuta, Melilla, Illes Balears) que supón uns 760 Millóns de euros ao ano e as primas as renovábeis, uns 6.200 Millóns de euros ao ano; que deberían estar nos Orzamentos do Estado como solidariedade interterritorial ou política industrial, e non no recibo, algo que, ademais, sería máis xusto socialmente.

Os impostos. Ademais do IVE está o Imposto Especial da Electricidade (5,11%) que pagan directamente as persoas consumidoras; mais o recibo eléctrico tamén soporta outros impostos que, formalmente, pagan as empresas produtoras pero que despois repercúteno nos recibos eléctricos: Imposto á xeración (7%), céntimo verde ao carbón, imposto ás nucleares etc.; estímase que o Estado recada nun ano máis de 10.000 millóns de euros; por suposto, a maior prezo da electricidade maior recadación, a pesar de ser un ben básico.

Tarifa única regulada no Estado e as mesmas peaxes ou cargos no resto das tarifas, imposición herdada do franquismo do ano 1951. Onde se produce, que padece o impacto ambiental e social non se recollen os beneficios, hai Comarcas galegas que xeran máis electricidade que toda a Comunidade de Madrid, que é deficitaria nun 95%. Semella que tarifas eléctricas diferentes non son posíbeis, en palabras de Feixóo unha tarifa diferente non se entendería no Estado, pero si que Madrid realice dumping fiscal, cousa veredes.

O sistema eléctrico precisa dunha reforma profunda, non de parches, e semella que con esta Ministra e este Goberno imos seguir xogando co recibo.

Comentarios