Opinión

Terémosllo que pedir ao PNV?

Nos últimos anos, no sector eléctrico deuse unha progresiva eliminación de determinadas tarifas eléctricas, entre outras, a G-4 para empresas electrointensivas como Alcoa, tamén desapareceu a tarifa B.0 para alumeado público dos concellos, que non pagaba o termo de potencia e, ademais, eliminouse a Tarifa Nocturna, que tampouco pagaba polo termo de potencia nos horarios de máximo consumo, precisamente, o termo de potencia onde máis se incrementou o custo eléctrico nos últimos anos.

Por iso sorprende que neste proceso de eliminación e simplificación de tarifas, o PNV acadase no ano 2013, con maioría absoluta do PP no Goberno do Estado, a creación dunha nova tarifa, a 6.1B, coñecida no sector eléctrico como a euskopeaxe, que dá subministro a máis do 85% da industria vasca e que, nos anos 2015 e 2016 foi a única tarifa que tivo rebaixas, do 12% e o 6,7% respectivamente.

Mais agora, co apoio aos orzamentos do Estado, o PNV consegue dar un paso máis, e acorda co Goberno do Estado a eliminación desa tarifa 6.1B, creada hai só tres anos, e o pase de todas as industrias con tensións entre 30 e 36 kV á tarifa 6.2 a partir do ano 2018, o que vai supor unha rebaixa nos seus custos dun 33%, ou como o propio PNV calcula, uns 50 millóns de euros ao ano.

A rebaixa para Euskal Herria será dun 33 por cento ou, como o propio PNV calcula, uns 50 millóns de euros ao ano.

Esta medida non só afecta a Euskadi, hai industrias en Navarra, Asturias, Cantabria e Castela-León (ningunha en Galiza), que se van beneficiar deste acordo, mais é en Euskalherria onde a súa influencia é maior. É ben certo que o PNV fai os seus deberes e argumenta perfectamente a modificación desta tarifa, motivándoa na discriminación por ter unhas liñas eléctricas dos inicios da sociedade industrializada e con tensións baixas.

Pola contra, na Galiza, o presidente Feixóo, á resposta dunha pregunta parlamentar do BNG que demandaba unha tarifa eléctrica galega, dixo que no Estado non se entenderían tarifas diferentes para cada Comunidade; sobre os altos prezos dos carburantes no noso País e dos baixos salarios e pensións non dixo nada; aínda máis, acolleuse ao exemplo de Estremadura, a Comunidade máis excedentaria en produción eléctrica pola súa xeración nuclear, para copiar o modelo de silencio diante do Estado, cando o certo é que Estremadura está reclamando unha mellor financiación autonómica pola súa exportación eléctrica; mais Feixóo prefire, a diferenza do PNV, non defender as nosas singularidades, é mellor calar; non imos poñer en valor a nosa capacidade de produción eléctrica, moitas veces forzada, exportando anualmente máis do 30% que producimos e que supuxo asolagamento de vales, expropiacións, ocupacións de montes, liñas por todo o País, contaminación, etc.. Non, nós non estamos para singularidades, é mellor calar.

Mais non só Feixóo, os 23 deputados e deputadas de Galiza no Parlamento Español, dun xeito ou doutro, teñen a mesma posición neste tema, e non me refiro á cuestión de manter ao PP a calquera prezo apoiando estes orzamentos, senón de facernos valer como País no día a día no Congreso; por iso, e namentres non volvamos ter representación propia nas Cortes do Estado, sen dependencia e submisión a forzas estatais, léase en modo retranca, teño a dúbida de se lle teremos que pedir ao PNV que nas próximas negociacións, e aproveitando a minoría do PP, consiga unha tarifa eléctrica galega.

Comentarios