Opinión

Tarifa Eléctrica Galega non, Suplementos Territoriais si

A capacidade que ten a dereita española para impoñer o seu relato é total, pódese comprobar en acontecementos políticos recentes, tamén é certo que lle axuda, e moito, a falta de discurso por parte da esquerda española (tanto da nova como vella). No caso ao que se refire este artigo, a posibilidade de termos unha Tarifa Eléctrica propia, máis baixa, non é un caso alleo a esa realidade.

No longo proceso (case dous anos) de tramitación parlamentar da Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola CIG, para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, na que, entre outras cousas, se demandaba unha Tarifa Eléctrica Galega, o PP conseguiu marcar o campo de xogo e non só pola súa maioría absoluta, senón que tivo a capacidade de presentar a proposta da CIG como algo ilusorio e imposíbel de acadar: non poden existir tarifas diferentes por territorios, non existen en ningún país europeo (falso) e, como non, a voceira do PP aportou un “potente e rigoroso” argumento, é unha tarifa separatista; citou a palabra máxica, e como xa sabemos o separatismo é malo por definición (por definición do PP), xa está; só o BNG foi quen manter a reivindicación e achegar unha argumentación con seriedade, fuxindo das banalidades e simplezas do PP. 

A esta “altura” do debate, a esquerda española (a nova e a vella) modulou o seu apoio á ILP, que, si, Galiza recibe un trato inxusto no sector eléctrico, pero hai que modificar todo o sector, dá igual que falemos de Murcia que de Galiza, ao mellor temos que buscar outras vías de compensación, iso das tarifas diferentes non é posíbel, etc., etc., e mesmo, como dato curioso, houbo unha forza política desas esquerdas que, logo de horas de debate e comparecencias, foi incapaz de pronunciar nin unha soa vez a expresión Tarifa Eléctrica Galega; fica claro que, mais unha vez, o PP gañoulles o discurso.

O que pagaron as empresas eléctricas á Xunta de Galiza por impostos específicos no ano 2013, vannos recuperar agora a cargo do suplemento que imos sufrir todos os galegos e galegas

 

Agora, o Goberno do Estado vén de publicar no BOE a tramitación dos Suplementos Territoriais das Tarifas Eléctricas para o ano 2013; a posibilidade destes Suplementos Territoriais xa figuraba na Lei do Sector Eléctrico do ano 1997 e na actual de 2013; a aprobación dun Real Decreto do ano 2012, converteu o que a Lei recolle como posibilidade en obrigatorio, en principio só para o 2013, pero xa existen presións para continuar con esta medida. Os suplementos territoriais non son outra cousa que o pago por parte das persoas consumidoras dunha Comunidade Autónoma dos impostos específicos que paguen as empresas eléctricas de carácter autonómico (a Lei tamén recolle esta mesma posibilidade no ámbito só local); deste xeito o que pagaron as empresas eléctricas á Xunta de Galiza por impostos específicos no ano 2013, vannos recuperar agora a cargo do suplemento que imos sufrir todos os galegos e galegas.

No caso de Galiza son catro os impostos a considerar: canon eólico, ecotaxa, canon hidráulico e canon de saneamento (este último non é só específico para actividade eléctrica), en total suman unha cantidade duns 70 millóns de euros.

Non se considera que estes impostos son a unha produción que nun 40% é para exportar, é dicir, agora imos pagar tamén polo que se consome noutras Comunidades Autónomas

 

Cada Comunidade Autónoma ten impostos autonómicos diferentes e mesmo, nalgún caso, non hai ningún imposto e, por suposto, o recadado varía moito dunha Comunidade a outra, pois hai algunhas nas que a actividade eléctrica é moi escasa, isto lévanos a diferentes suplementos territoriais, tantos como Comunidades Autónomas, xa que logo, agora si temos tarifas diferenciadas pero para cobrar e non para beneficiarnos. Aínda máis, vaise pagar máis onde existe unha significativa produción eléctrica, caso de Galiza, e non se considera que estes impostos son a unha produción que nun 40% é para exportar, é dicir, agora imos pagar tamén polo que se consome noutras Comunidades Autónomas.

Case no mesmo tempo que convertían en obrigatorios os suplementos territoriais, o PNV pactaba co PP un cambio nas peaxes que paga a industria vasca, aínda que tamén afecta en menor medida a outras Comunidades Autónomas (non en Galiza), o que no sector se coñece como a euskopeaxe, e que supón unha rebaixa estimada na factura eléctrica en Euskadi duns 50 millóns de euros/ano. É certo que o PNV (e a industria vasca) souberon facer unha proposta rigorosa, mais tamén viuse a capacidade de presión política, pois as peaxes de acceso permanecían sen cambios dende hai máis de corenta anos.

Tanto os suplementos territoriais como a euskopeaxe eran coñecidos no debate da ILP, e o PP galego ten a capacidade de cualificar a Tarifa Eléctrica Galega como tarifa separatista e, ao mesmo tempo, defender que a euskopeaxe non existe, pois non é exclusiva para Euskadi, e que os suplementos territoriais non se van aplicar na Galiza, a pesar do publicado polo BOE.

O sorprendente é que hai quen lle compre o discurso, e non falo da súa base social.

Mais aínda seguimos aquí, a defender a Tarifa Eléctrica Galega.

Comentarios