Opinión

Tarifa eléctrica galega e eleccións xerais


É posíbel unha tarifa eléctrica galega?, a resposta a esta pregunta é complexa, hai voces contraditorias neste debate, hai quen cuestiona a súa legalidade e quen argumenta que Galiza é deficitaria en materias primas e, por calquera das dúas cuestións, non é correcto solicitarmos unha tarifa propia.
Por iso, imos debullar a proposta da Iniciativa Lexislativa Popular, no que ten a ver coa Tarifa Eléctrica Galega, promovida pola CIG e tomada en consideración, por unanimidade, no Parlamento Galego e a súa relación coas eleccións xerais.

Por que tarifa eléctrica única?

A primeira pregunta é se podemos ter tarifas eléctricas diferentes no Estado ou necesariamente ten que ser unificada, a resposta é clara, a tarifa única só responde a unha decisión política; por certo, a tarifa eléctrica única existe no Estado dende o ano 1951; mais aínda, no caso dos carburantes hai hoxe diferenza de prezos e xa nos parece algo normal.

Pero é que, ademais, a actual Lei do Sector Eléctrico, Lei 24/2013, recolle a posibilidade (sen desenvolver) da creación de suplementos territoriais autonómicos, no senso de gravar, por enriba da tarifa actual, a cantidade que esa Comunidade Autónoma recade con impostos propios á actividade eléctrica, xa que estes impostos só poden existir onde existe esa actividade, de aplicarse esta medida, as persoas consumidoras desas comunidades con impostos propios acabarían pagando máis que onde non hai ningunha actividade de xeración eléctrica e, por suposto, tampouco impostos.

Por iso, para quen cuestiona a legalidade dunha posíbel Tarifa Eléctrica Galega baixo a premisa de que as peaxes (a parte da tarifa que decide o Goberno Central) deben ser igual en todo o Estado, vemos como a Lei 24/2013 permite a creación de suplementos territoriais nesas peaxes, logo, por que motivo non imos poder defender, no senso contrario, a creación de bonificacións nas peaxes?

Tarifa eléctrica para a industria de Euskadi

É certo que a normativa actual obriga que as peaxes sexan igual en todo o Estado, mais tamén vemos como esta obriga pódese “saltar”, o caso vasco é un claro exemplo.

Na negociación entre Grupos Parlamentares, previa á aprobación da Lei 24/2013, o Grupo Parlamentar Vasco (EAJ-PNV) acordou co PP a creación dunha nova peaxe, a 6.1B, inexistente ata ese momento, o que tamén demostra a utilidade dun Grupo Parlamentar propio.

A Lei 24/2013 permite a creación de suplementos territoriais nesas peaxes, logo, por que motivo non imos poder defender, no senso contrario, a creación de bonificacións nas peaxes?

Esta nova peaxe só é de aplicación nunhas determinadas liñas de distribución que eran da antiga Iberduero, empresa que unha vez fusionada con Hidrola deu lugar a Iberdrola, e que, pola súa singularidade, só existen en Euskadi e nalgunha zona próxima.

É dicir, segundo a lexislación estatal as peaxes deben ser únicas, mais tamén foi posíbel crear unha nova que, na realidade, só ten aplicación nun determinado territorio.

Esta nova peaxe, a 6.1B, foi a única que este ano 2016 tivo unha rebaixa do 6,7%, cando o resto quedaron conxeladas.

Segundo o Goberno Vasco, a creación desta peaxe vaille supor un aforro á industria de Euskadi duns 50 millóns de euros/ano.

É Galiza deficitaria en materias primas?

Outro xeito de cuestionar a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega é cuestionar a capacidade de xeración eléctrica con recursos propios, e iso é certo, logo do remate das explotacións de lignito pardo (o carbón galego) no ano 2008. Mais tamén poderíamos preguntarnos se Galiza se beneficiou do uso intensivo dos seus lignitos ou, pola contra, serviron para exportar electricidade a moi baixo custo.

Mais debemos ampliar a pregunta inicial, existe algunha Comunidade Autónoma que non sexa deficitaria en materias primas?, pois non, como tamén a maioría dos Estados europeos son deficitarios, agás os países nórdicos e Escocia.

En calquera comparación de autoabastecemento eléctrico, Galiza está entre as Comunidades do Estado con máis capacidade, un autoabastecemento que podería incrementarse con outras políticas enerxéticas.

En calquera comparación de autoabastecemento eléctrico, Galiza está entre as Comunidades do Estado con máis capacidade

Galiza é unha grande transformadora de electricidade, o que lle fai exportadora neta, ano tras ano; e como é ben coñecido, a actividade de xeración e transporte ten afectacións no territorio, tanto ambientais como sociais, sen que Galiza sexa compensada de ningún xeito.

Como se conforman as tarifas eléctricas?

Concluír que se demanda unha Tarifa Eléctrica Galega só polo feito de sermos exportadores de electricidade é unha simplificación excesiva e interesada da ILP presentada pola CIG.

A proposta da CIG ten a ver coa conformación das tarifas eléctricas no Estado, que é a suma de tres conceptos: Impostos, prezo da electricidade e peaxes.

Por cuestión de espazo neste artigo non imos profundar no funcionamento do denominado mercado eléctrico para a configuración de prezos no mercado maiorista, simplemente comentar que estamos diante dun mercado que, cando menos, podemos considerar singular.

O que nos interesa máis para este debate son as peaxes, ou custos fixos do sistema eléctrico e que, ademais, son decididas politicamente e aprobadas no BOE.

Nas peaxes atopamos unha chea de conceptos que podemos definir como de solidariedade interterritorial, por exemplo, o sobrecusto dos sistemas extrapeninsulares (Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla) que, pola súa condición de sistemas eléctricos illados, son máis custosos que o peninsular, por iso, a medio das peaxes, pagamos solidariamente nas nosas tarifas eléctricas ese sobrecusto, nun ano podemos estimar esa cantidade en 1.800 millóns de euros.

Tamén as peaxes recolleron historicamente axudas ao carbón español, son unha das denominadas primas de capacidade, calcúlase que a tarifa soporta uns 500 millóns euros/ano (agora mesmo, para cumprir normativa europea, estase elaborando un novo mecanismo de axuda que tamén irá a cargo da tarifa).

Tamén debemos considerar solidario pagar o custo do transporte de electricidade –considerando as perdas nese transporte- aos puntos de consumo que, tamén por decisión política, non teñen centros de xeración; o caso máis paradigmático, pero non o único, é da Comunidade de Madrid, deficitaria en máis do 90%.

Hai quen, ante este debate, pretende pasarlle a Galiza, no seu pasivo, os custos de distribución, polo efecto da dispersión poboacional, mais esquece que unha parte moi significativa das liñas de distribución no noso país foron sufragadas a través de planes autonómicos, en concreto, os sucesivos Planes Mega.

Os custos fixos do sistema eléctrico son decididos politicamente e aprobados no BOE

Mais as peaxes tamén soportan axudas a determinadas tecnoloxías de produción, mesmo a centrais eléctricas que nunca chegaron a funcionar nin a existir, caso da denominada Moratoria Nuclear que, ao longo do tempo, superou os 5.000 millóns de euros.

Por iso, un País que soporta custos sociais e ambientais, que mesmo foi forzado á construción dalgúns activos de xeración, que ademais ten pensións e os salarios entre os máis baixos do Estado, non pode demandar un certo equilibrio nesta balanza?, sen deixar de ser solidarios. Un equilibrio que favoreza o benestar do noso pobo e o desenvolvemento económico.

Por que se atopan saídas en Euskadi, e non en Galiza?, ten a ver co noso peso político?

Conclusión e modelo enerxético

Non é esta, a Tarifa Eléctrica Galega, a única demanda da CIG incluída na ILP, tamén por cuestión de espazo non imos hoxe a desenvolvelas, só a enumerar: Participación da Xunta no sector eléctrico, apoio ás enerxías renovábeis e ao autoconsumo, aforro e eficiencia enerxética, inclusión de Galiza no Plano do carbón, creación dunha tarifa industrial estábel e con variacións predicíbeis e, tamén e non menos  importante que todo o anterior, unha definición concreta da pobreza enerxética e medidas específicas para evitala.

Outro debate, tamén importante, é o modelo enerxético que queremos, noutro plano diferente do actual sistema tarifario, aínda que para achegar propostas concretas e poder manter un debate rigoroso, sería positivo que as forzas políticas –todas- mantivesen o mesmo discurso en Galiza e no Estado.

Eleccións Xerais

Sorprende que en plena campaña das eleccións xerais ás Cortes do Estado, e a pesares de que, como diciamos, haxa en tramitación unha ILP aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, e só exista unha forza política que defenda a argumentación dunha Tarifa Eléctrica Galega, as demais forzas semellan ter dificultades, mesmo na breve lexislatura que vén de rematar ningún Grupo Parlamentar presentou iniciativas sobre este tema, nisto non hai variación entre nova e vella política, é o que ten depender doutros centros de decisións, namentres, nós seguiremos sendo “solidarios/as”.

Comentarios