Opinión

Hostias democráticas

Hai anos, un coñecido meu, contoume unha anécdota que lle acontecera a finais dos anos 70.

Hai anos, un coñecido meu, contoume unha anécdota que lle acontecera a finais dos anos 70.

Naquela altura vivía en Madrid, nuns momentos onde a participación  política non estaba exenta de certas complicacións; por poñer só un exemplo, non existían formalmente as manifestacións, a protesta chamábase “salto”, que viña ser unha moi breve manifestación de moi poucos minutos, para logo saír pitando desa zona e quedar noutra da cidade onde realizar outro “salto”. Loxicamente a brevidade do acto estaba directamente relacionada coa capacidade de resposta duns señores que vestían de gris e que sempre aportaban argumentos moi convincentes.

"Coa Constitución aprobada, os vellos represores eran os novos demócratas". 

Este compañeiro, que participou activamente nos denominados Comités Contra a Constitución -lei que foi apoiada por un amplo abano de forzas políticas dende AP ao PCE-, foi detido ao pouco tempo der teren aprobada a mesma, por iso, xa tecnicamente na democracia.

Na súa detención, e na aplicación da lexislación de excepción daquela en vigor, pasou dez días incomunicado na DXS,  que hoxe –cousas da democracia- é a sede da Comunidade de Madrid, lugar que tamén, pola cultura centralista, coñécese como o quilómetro cero. Nese céntrico e centralista edificio foi recibido por algúns defensores do novo –e tamén do vello- réxime, entre eles Billy el Niño. Precisamente foi este persoeiro o que, nunha das súas habituais e amábeis conversas, fíxolle unha reflexión que sempre mantivo na memoria: “Ves, agora son hostias democráticas”.

"Logo de moitas loitas petando sempre co límite da Constitución, asistimos a unha auténtica involución".

Efectivamente, coa Constitución aprobada, os vellos represores eran os novos demócratas. Por arte de maxia o pasado non existía, por iso o sistema mantívose practicamente intacto, tanto a lexislación especial como as persoas encargadas de aplicalas. Foi a chamada transición.

Hoxe, moitos anos despois, e logo de moitas loitas petando sempre co límite da Constitución, asistimos a unha auténtica involución. Nun proceso de clara e decidida recentralización do Estado, con impedimentos para a realización de consultas populares que poñan en cuestión a actual configuración territorial, ataques á lingua, perda de dereitos sociais e laborais, condeas de cadea a sindicalistas por participaren nunha folga, multas por manifestarse, proxectos de lei regresivos sobre o aborto ou a seguranza cidadá, cambio das regras electorais, etc., mais todas estas actuacións están feitas dende institucións e organismos formalmente democráticos.

Como lle aconteceu ao meu compañeiro, son as novas hostias democráticas.

Comentarios