Opinión

Fondo para a sustentabilidade do sistema eléctrico

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Estamos nun tempo que se fala moito de Transición Enerxética, con grande apoio social polo obxectivo enunciado de evitar o aumento de temperatura a valores que dificultarían a vida como hoxe a coñecemos; porén non hai debate sobre quen e como se deseña e executa esta Transición, nin sobre todas as consecuencias sociais que esta planificación pode ocasionar. Debérasenos acender as alarmas cando vemos como moitas empresas se tinxen de verde ou poñen "green" ou "naturgy" na súa marca comercial.

Hai uns días debatéronse no Congreso as emendas á totalidade do Proxecto de Lei para a creación do Fondo de Sustentabilidade do Sistema Eléctrico; como outros moitos debates parlamentares non tivo unha gran publicidade, mais consideramos que é un exemplo paradigmático e iniciático do que prevén, e de como se xeran as desigualdades.

Basicamente o que pretende este Fondo é trasladar progresivamente o custe das primas das renovábeis, uns 6.500 millóns de euros anuais soportados en exclusiva no recibo eléctrico, a outros produtos enerxéticos: carburantes, gas natural, butano etc. É certo que a electricidade baixará, pero tamén que subirán o resto dos produtos enerxéticos. Un xogo de trileros.

A posición do BNG neste debate parlamentar foi demandar, como xa vén facendo hai tempo, que as primas as renovábeis, como política industrial, sexan soportadas polos Orzamentos do Estado, o que é máis xusto socialmente, pois a contribución dos florentinos da vida non debe ser igual que a dos traballadores. Mais a súa posición non foi tida en conta na votación no Congreso, a maioría aceptou esta proposta de trasladar custes dun consumo a outro, como se fose algo neutro.

Como se explica na propia Exposición de Motivos deste Proxecto de Lei, un dos obxectivos é favorecer o uso do coche eléctrico cun prezo máis baixo da electricidade; pero a consecuencia real é que vaise encarecer o butano, o gas natural, o diésel etc.

Dito doutro xeito, as economías que se poden permitir ter coche eléctrico e toda a súa vivenda electrificada van saír beneficiadas, porén as familias máis precarizadas que empregan o butano na cociña ou para auga quente, ou teñen calefacción de gas, as que usan un coche gasolina/diésel pois non poden comprar un eléctrico, vanse ver prexudicadas economicamente, nunha dupla vía: no pago dos produtos e na súa aportación á subvención pública para a adquisición do coche eléctrico de quen o poida comprar. E non esquezamos a dependencia que temos en Galiza para viaxar, con dispersión de poboacións e sen alternativas reais de transporte público. 

En nome da Transición Enerxética vanse provocar máis desigualdades sociais e territoriais, e sobre isto a esquerda debería reflexionar, non teñamos despois sorpresas de avance de forzas da ultradereita. Sorprende moi negativamente a súa submisión a calquera consigna, por verde que sexa, como a Vicepresidenta do Goberno do Estado e Ministra de Traballo ao rexeitar agora a creación dunha empresa pública de enerxía, deixando que sexa o sector privado "vestido de verde" o que actúe.  

Hai que impulsar a Transición Enerxética, é unha prioridade e unha necesidade, mais primeiro deberíase explicar e contrastar todas as consecuencias, tamén as socio-económicas, non asumila como unha relixión sen debate crítico; e, o máis importante e básico, facer esta Transición para o conxunto da sociedade, sen que isto supoña de novo un beneficio máis para as clases altas a expensas do sacrificio das medias-baixas. Que sexa XUSTA, que ninguén quede atrás, como afirman.

E no nacionalismo, por responsabilidade co noso país, deberíase abrir un debate sobre a propia Transición Enerxética: Cal é o noso peso nas emisións de CO2? Como podemos rebaixalas? Quen vai planificar e xestionar as nosas fontes enerxéticas e para que? Cal vai ter que ser o compromiso social? ... Non podemos deixarnos guiar só pola consigna de moda, en márketing xa hai tempo que ven gañando Iberdrola.

Comentarios