martes 30/11/21

Ferrol, un hospital público sen duchas nos cuartos

Cando unha persoa é ingresada no Hospital público de referencia da Área Sanitaria de Ferrolterra, o Arquitecto Marcide, ten dúas posibilidades, unha é ir a unha área de hospitalización actual e, a outra, é retroceder no tempo, pois na metade deste Hospital os cuartos non teñen ducha, e dependendo do andar, hai dúas ou tres duchas nos corredores para 40 persoas hospitalizadas. Por iso, ingresar no Marcide ten algo de lotaría.

E non só iso, nesta Área que podemos cualificar de primitiva, os cuartos son pequenos para dúas persoas, o mobiliario é antigo e as camas hai que movelas con manivela, o máis moderno son os televisores de pago.

Pero a situación da zona antiga de hospitalización do Marcide non só penaliza as persoas ingresadas e as que as acompañan, penaliza tamén, o persoal sanitario e non sanitario no exercicio dos labores de atención, coidados e mobilización destas persoas ingresadas; se hoxe hai calidade nos servizos sanitarios é grazas precisamente ás persoas que alí traballan, e elas tamén precisan unhas instalacións máis modernas e cómodas que faciliten o seu labor, non se merecen que o tempo semelle paralizado no seu espazo de traballo dende a inauguración do Marcide hai 45 anos.

O motivo deste abandono non é outro que, dende a chegada de Feixóo á Xunta de Galiza no 2009, paralizou as obras do Plan Director do Marcide, que modernizaban por fases e progresivamente a totalidade do Hospital, agora, neste ano 2021 empezaron de novo as obras; é dicir, pasaron 12 anos sen facer nada, e neste tempo centos e centos de persoas tiveron que hospitalizarse –aínda agora- nesta situación.

Pódese tamén facer critica de que o Plan Director, no seu día, comezase polo edificio de entrada ao Hospital e non pola área de Urxencias ou a de Hospitalización, na que só deu tempo a actualizar a metade dos cuartos; pero o certo é que a paralización deste Plan penalizou durante moito tempo a poboación de Ferrolterra, e disto só son responsábeis as políticas de Feixóo “o gran xestor”.

A mesma crítica desta área de Hospitalización pódese facer á área de Urxencias, onde en demasiadas ocasións o persoal celador vese obrigado a practicar unha especie de “tetrix” para acomodar as persoas ingresadas en cadeiras ou en camas polos corredores, onde a intimidade é practicamente inexistente.

A verdade é que, se a situación sanitaria non se deteriorou máis nestes 12 anos de Goberno de Feixóo, foi porque despois de moitas iniciativas do BNG no Congreso, no ano 2007, co goberno bipartito, conseguiuse o traspaso do Hospital Naval para uso público, até ese momento exclusivamente para uso da Armada, o cal, sen dúbida, axudou a desconxestionar o Marcide, sobre todo nas Consultas Externas.

Esta é a política sanitaria do PP en Ferrolterra, e xa sen entrar a mencionar a Atención Primaria.

Ferrol, un hospital público sen duchas nos cuartos
comentarios