Opinión

Dereitos de emisión e prezo da luz

Artigo do Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.

Artigo do Colectivo de debate enerxético Bidán: Quico da Silva, Manolo Cabarcos e Fernando Branco

Producir tempo con espertadores e envasado en unidades de 5 minutos para vendelo é o núcleo central dun libro de divulgación sobre o sistema económico. Nunha primeira análise do ben obxecto de comercio, a idea parece irracional e asígnase á ficción, xa que, quen pode pretender vender tempo (envasado, claro)? E se fora fume, tamén sería irracional e de ficción? 

Cando se explica a volatilidade do prezo da luz, xustifícase nos altos prezos do gas natural nos mercados internacionais e dos dereitos de emisión de CO2, cantidades medidas en toneladas (t) dun dos gases responsábeis do quecemento global, cun prezo de compra-venda fixado nun mercado.

O comercio de emisións é un dos mecanismos sinalados no Protocolo de Kioto para limitar as emisións de CO2, nunha aplicación singular do principio “quen contamina, paga”, creado coa Directiva 2003/87/CE e coa Lei 1/2005 e que, até de agora, ten varias fases.

Fase I (2005-2007): considerada de proba, onde hai unha moi ampla concesión de dereitos gratuítos, entres eles ao sector eléctrico.

Fase II (2008-2012): ao sector eléctrico redúceselle parte da asignación gratuíta, mais non inflúe moito no prezo final da electricidade polo exceso de oferta e baixa demanda derivadas da crise económica do 2008.

Fase III (2013-2020): o sector eléctrico xa non ten ningunha asignación gratuíta, as centrais que emiten CO2 teñen que mercar os seus dereitos de emisión.

Unha central de carbón debe dispor de dereitos de emisión por 1 t de CO2 cada MWh xerado, cantidade que, no caso dos ciclos combinados, é de 0,4 t.

Os que van “apoiar” a transición enerxética son os ciclos combinados de gas natural

Tanto nesta fase como na anterior, o custo de comprar dereitos de emisión trasládase directamente ao prezo do MWh, é dicir, ás persoas consumidoras.

Nesta fase, a UE reduce anualmente as cantidades de CO2 no mercado nun 1,74%  e, coa finalidade de evitar prezos moi baixos polo exceso de oferta de dereitos, crea a Reserva para a Estabilidade do Mercado, mecanismo que actúa a modo de Banco Central Europeo do CO2 retirando (ou colocando) no mercado dereitos de emisión, segundo os obxectivos de prezos que pretenda conseguir; dende a súa entrada en vigor en 2019, pasou de 24 ate 62 euros/t neste mes de setembro.

Os mecanismos de control fan que os dereitos de emisión sexan un activo financeiro máis, é dicir, o mercado xa non só opera entre as instalacións que teñen CO2 sobrante e as que os precisan, tamén interveñen os bancos e os fondos de investimento, cunha visión especulativa e unha rendibilidade moi elevada.
Fase IV (na que andamos): a redución aumenta a un 2,2% anual que, xunto coa especulación, sitúan aos dereitos de emisións nunha escalada de prezos, como se pode comprobar na seguinte gráfica.

A previsión para este ano é que o Estado ingrese uns 2.200 M€ pola venda destes dereitos, o dobre que o ano pasado.

Conclusións

O mercado de dereitos de CO2 é efectivo para reducir as emisións, mais é un mercado intervido que, no sector eléctrico, funciona dentro doutro mercado especulativo, algo que xa denunciou hai anos a CIG, case en solitario, e polo cal foi moi criticada.

O custo do CO2 dos ciclos combinados beneficia a retribución do resto de tecnoloxías que non o emiten

Teorízase que o alto prezo do CO2 axudará á instalación de fontes de enerxía renovábel, pero ante a falta de tecnoloxías de almacenamento de electricidade a grande escala e o proceso de transición enerxética, o sistema eléctrico vai precisar para garantir a subministración, polo menos a medio prazo, de tecnoloxías de xeración que non sexan intermitentes; no caso español, os que van “apoiar” a transición enerxética son os ciclos combinados de gas natural que, como dixemos, emiten unhas 0,4 t de CO2 por cada MWh producido.

Unha das consecuencias do actual sistema marxinalista de casación no sistema eléctrico é que o custo do CO2 dos ciclos combinados beneficia a retribución do resto de tecnoloxías que non o emiten, o que vai seguir provocando prezos altos da electricidade que, lembremos, é un ben básico.

Comentarios